A depuración e abastecemento da auga, un dereito da cidadanía galega en disputa

A auga é un ben escaso, e vai selo aínda máis no futuro. Tamén é un dereito. A súa depuración pivota en perto de 150 estacións. Delas, 119 están xestionadas polos concellos e 28 directamente pola Xunta da Galiza a pedimento dos municipios. O servizo afronta non poucos problemas.
Depuradora de Ferrol (Foto: Remunicipalizar Ferrol),
photo_camera Depuradora de Ferrol (Foto: Remunicipalizar Ferrol),

O dereito humano á auga é o dereito de todas as persoas a disporen de auga suficiente, salubre, aceptábel, accesíbel e alcanzábel para o uso persoal e doméstico. Así figura nos artigos 11 e 12 do Pacto internacional de dereitos económicos e sociais. A depuración e abastecemento é na Galiza unha competencia municipal. Máis de 55% dos concellos galegos xestionan eles propios estes servizos, sen derivalo a ningún dos modelos concesionais en vigor. Algo máis de 40% dos municipios si que teñen concesionado o servizo e entre o 2 e o 3% dos concellos carecen de rede pública de abastecemento.

O abastecemento e a depuración son necesarios, máxime nun país como a Galiza, cunha dispersión que exemplifica ben a existencia de 30.000 núcleos de poboación. Non todos teñen este servizo mais permite facerse unha idea da inmensidade de extensión de tubaxes e redes de abastecemento. Non hai datos —oficiais nin non oficiais— de canto pode ser a súa lonxitude, mais Augas de Galiza ten apuntado que hai na Galiza concellos de 5.000 habitantes que poden ter até 80 quilómetros en tubaxes.

Fugas

Un dos principais problemas é o das fugas da rede, que na Galiza oscilan entre o promedio de case 40% que ten detectado Augas da Galiza nalgúns dos seus estudos —supón 55.000 millóns de litros de auga anuais— até o 21% de media que para o noso país sinalou un informe da Comisión Nacional de Mercados. Mais iso son medias, pois hai municipios galegos sen case fugas e outros que poden ter até 60%. 

Todas as Administracións coinciden na gravidade deste problema, mais a solución posta na mesa pola Xunta da Galiza, a través da Lei do Ciclo Integral da Auga, non convenceu nin Concellos nin Deputacións. Esta lei entrou en vigor o pasado 1 de setembro após ser aprobada no Parlamento galego en solitario polo PP. A primeira norma aprobada pola Cámara após a toma de posesión como presidente de Alfonso Rueda.

Esta normativa obriga os concellos a inspeccionar con periodicidade quinquenal o estado das súas infraestruturas hidráulicas. Moitos dos municipios non teñen capacidade para afrontar este labor. Ademais, gravarase cun novo imposto os municipios que teñan perdas de auga superiores a 20%. Desde os concellos xa deixaron claro o seu desgusto.

 Os novos tributos e gravames desta lei van facer, segundo recoñeceu a propia Xunta da Galiza, o ingreso de 12 millóns de euros máis naquela trinta de concellos onde xestiona o Goberno galego as depuradoras. 

Propostas

O PP, no seu programa para o 28-M, considera "imprescindíbel" activar "programas" de "modernización" das redes hidráulicas, se ben non especifica quen custeará esa aposta. 

O BNG, pola súa parte, aposta en que estes servizos partan da consideración da auga como dereito e ben, non mercancía, e no marco dunha política da auga "responsábel". 

O PSdeG afirma que este servizo" só excepcionalmente "poderá concesionarse á iniciativa privada".

Comentarios