O PSdeG chama á "contestación social" fronte aos recortes no ensino

"Os que primeiro están a sufrir os recortes son os rapaces", advirte José Manuel Lage.
Comezo do curso escolar 2022-2023 nun centro de Ames. (Foto: Arxina)
photo_camera Comezo do curso escolar 2022-2023 nun centro de Ames. (Foto: Arxina)

O secretario de Organización do PSdeG-PSOE, José Manuel Lage, chamou este sábado á "contestación" e a "reacción" da sociedade galega diante dos "recortes perpetrados pola Xunta" no sistema educativo de cara ao presente curso.

Na mesma liña, sinalou que o reinicio das aulas esta semana "demostra improvisación" e "deixa á vista a brutalidade dos recortes de profesorado na escola pública".

"Vemos con preocupación como o Goberno galego segue a deteriorar os servizos públicos", dixo, en alusión tanto á "sanidade" como ao "ámbito do ensino", algo que, insistiu, "calquera pode verificar".

Lage nomeou, concretamente, o caso do IES Punta Candieira, en Cedeira, "que terá once profesores menos este ano cando a matrícula de alumnos é similar". Neste mesmo centro, a CIG-Ensino denunciou na sexta feira a "prohibición" por parte da Consellaría de Educación das protestas convocadas pola comunidade educativa.

O socialista falou dun recorte "de máis de 1.500 docentes" só tomando como referencia os cursos 2021-22 e o presente, 2022-23, e lamentou que o Goberno de Alfonso Rueda estea "ausente" ante esta situación.

"Os que primeiro están a sufrir os recortes son os rapaces", dixo Lage, ao tempo que cualificou de "alarmantes" as cifras que enumerou.

Formoso viaxará a Estrasburgo

Por outra parte, o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, anunciou que viaxará a próxima semana a Estrasburgo, sede oficial do Parlamento europeo, para reunirse con cinco membros da Comisión Europea e varios representantes da Eurocámara.

Os asuntos que abordará durante a súa viaxe de tres días, tal e como detallou nun comunicado, van desde o impulso das enerxías renovábeis e a pesca, a política agraria común e até a cohesión territorial.

Comentarios