Os Vinte e sete instan Bruxelas a limitar o prezo do gas

Os ministros de Enerxía dos estados que integran a Unión Europea acordan tamén fixar obxectivos comúns para reducir o consumo eléctrico.
Os titulares de Enerxía dos Vinte e sete gardaron un minuto de silencio polo pasamento de Isabel II do Reino Unido. (Foto: Comisión Europea)
photo_camera Os titulares de Enerxía dos Vinte e sete gardaron un minuto de silencio polo pasamento de Isabel II do Reino Unido. (Foto: Comisión Europea)

Os ministros e ministras de Enerxía da Unión Europea acordaron nesta sexta feira limitar o prezo do gas no mercado comunitario e estabelecer un obxectivo de redución do consumo de electricidade como parte das catro propostas lexislativas que a próxima semana presentará a Comisión Europea para atallar a alza dos prezos da enerxía na UE.

"Esperamos que a Comisión propoña unha intervención temporal de emerxencia, incluíndo un prezo límite ao gas", sinalou o ministro de Industria e Comercio da República Checa —país que ostenta a presidencia de quenda da Unión Europea— Jozef Síkela, en rolda de prensa tras o encontro.

Con todo, non se concretou se este límite máximo será para as importacións de gas ruso unicamente, como expuña esta semana a presidenta do Executivo comunitario, Ursula Von der Leyen, ou se se aplicará a todas as importacións de gas á UE, se ben semella que a primeira das opcións obtivo un amplo consenso.

Os ministros de Enerxía dos Vinte e sete aceptaron, aliás, que a Comisión Europea propoña medidas de redución de consumo de electricidade nas horas de máximo consumo. "A nosa intención é propor un obxectivo obrigatorio para reducir o consumo nas horas pico", explicou a comisaria de Enerxía, Kadri Simson, e engadiu que estes obxectivos terán en conta "as circunstancias nacionais". Ademais, os beneficios extraordinarios das produtoras de enerxía renovábel e nuclear —os coñecidos como 'beneficios caídos do ceo'— foron obxecto de acordo entre os titulares de Enerxía da UE, coa intención de redirixir os ingresos cara aos fogares vulnerábeis.

Aínda que non se determinou a cifra á que se limitará o prezo da electricidade para estas tecnoloxías, a comisaria de Enerxía aclarou que ese límite ficará nun nivel para que "se preserven os incentivos para o investimento en renovábeis, que é un dos beneficios do actual deseño do mercado". Da mesma maneira, os ministros de Enerxía acordaron que se fixe unha taxa de solidariedade sobre os beneficios do sector de combustíbeis fósiles que se redirixirá tamén aos fogares máis vulnerábeis.

Como parte das medidas para evitar problemas de liquidez das empresas do sector, os titulares de Enerxía acordaron que Bruxelas propoña estabelecer garantías estatais para os operadores do mercado de futuros coa intención de inxectar liquidez nos mercados financeiros da enerxía.

Así, Simson sinalou que outra das medidas pasará por implicar as firmas de seguros e bancarias para implementar un marco temporal de garantías estatais e agregou que a Comisión Europea "está lista para desenvolver" un índice para o gas natural licuado que sexa complementario ao TTF holandés, "que está vinculado a un mercado relativamente pequeno" e aos provedores a europeos a través de gasoduto. "Non reflicte a realidade da UE", indicou.

Comentarios