PSdeG mantería a Alcaldía da Coruña nas vindeiras municipais

A enquisa encargada polo PP para A Coruña entrégalle a alcaldía da cidade á esquerda. A sondaxe de Gad 3 mantén a actual alcaldesa, Inés Rey á fronte da Alcaldía.

ines rey
photo_camera A socialista Ines Rey repetiría como alcalde Pontevedra. (Foto: Nós Diario).

O PP contratou os servizos de Gad 3 para elaborar unha das súas sondaxes preelectorais para A Coruña. O traballo elaborado pola compañía de Narciso Michavila, o demóscopo de cabeceira dos populares, sitúa lonxe un Goberno da dereita en María Pita.

A sondaxe outorga para os comicios de maio de 2023, 38,9% dos sufraxios e 12 representantes á candidatura do PP, encabezada por Miguel Lorenzo. A continuación, sitúa o PSdeG, liderado pola actual alcaldesa Ines Rey, con 33.8% dos votos e 10 concelleiros. O BNG de Francisco Jorquera obtería 14,2% dos sufraxios e catro representantes e  Marea Atlántica, nesta ocasión, dirixida por Xan Xove un concelleiro.

A enquisa de Gad 3 dá posibilidades de acadar representación a Vox, con perto de 3,2% dos sufraxios. Asemade, deixa fóra da corporación a coalición entre Unidas Podemos e Esquerda Unida, actualmente presente na corporación a través de Isabel Faraldo, quen en 2019 se presentou nas listas de En Marea. Neste liña, está por ver se Ciudadanos formaliza, finalmente, a súa candidatura.

A esquerda non cree a enquisa

Os datos de Gad 3 colocan a esquerda con tres concelleiros máis que a dereita porén desde as candidaturas deste espectro político non se creen esas cifras. Así, as fontes de Marea Atlántica consultadas por Nós Diario “non ven posíbel a suba que prognostica ao PP” e amósanse convencidos que “imos obter unha representación moito maior  da que nos ofrece esta enquisa”.

Os nacionalistas coinciden, en parte, coa valoración de Marea Atlántica. Neste liña, membros desta formación sinalan a Nós Diario que “non acreditan na posibilidade dunha suba tan forte do PP” se ben están “convencidos que imos aumentar de xeito considerábel a nosa representación na corporación e a nosa presenza vai ser decisiva para a gobernabilidade da cidade na vindeira lexislatura”.

Os socialistas non se creen, tampouco, os número de Gad 3. A este respecto, apuntan a Nós Diario que “estamos convencidos que imos a ser a primeira forza política da cidade e contar cunha maioría suficiente para gobernar sen ataduras”. A maiores, explican que “as nosas enquisas dinos que imos ampliar a representación, sumando a dereita e esquerda”.  

Cambios na corporación

A foto que ofrece a enquisa da Gad 3 debuxa unha corporación moi diferente a actual. Así, amplía a representación do PP en relación coa corporación actual en catro membros e a do PSdeG nun. Asemade, o BNG duplica a súa presenza, pasando de dous a 4 concelleiros.

Marea Atlántica aparecería como un dos grandes derrotados nesta enquisa. A candidatura municipalista perde cinco representantes e Ciudadanos que nos anteriores comicios acadou unha concelleira, ficaría fóra de María Pita.

Comentarios