O PSdeG exixe que as doazóns ao Sergas non se poidan usar pola privada

Critica a cesión a un centro privado de máquinas doadas á sanidade pública pola Fundación Amancio Ortega.
As demoras nas probas diagnósticas complican as deteccións temperás de cancro e o seguimento de doentes crónicos. (Foto: Europa Press).
photo_camera Equipos para o tratamento do cancro doados remataron en mans de centros de titularidade privada. (Foto: Europa Press)

O PSdeG pedirá na Cámara galega instar a Xunta da Galiza a determinar os criterios de destino das doazóns de material ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para que todas teñan repercusión directa no propio sistema público de forma que non poidan utilizarse para beneficio privado externo.

Así figura nunha proposición non de lei que asinan os deputados socialistas Julio Torrado, Begoña Rodríguez Rumbo e Marina Ortega, dada a coñecer esta quinta feira. Na iniciativa, sinalan que o Consello de Contas evidenciou nun informe un problema sinalado de xestión da sanidade pública da Galiza por derivar a un centro privado unha tecnoloxía sanitaria doada pola Fundación Amancio Ortega para o tratamento de cancro no sistema público.

"Esta doazón, que é unha boa noticia para o sistema de saúde por aumentar a súa capacidade para tratamentos oncolóxicos, incluíu diversos aparellos que foron destinados a centros sanitarios da Galiza. Entre eles, sendo esta unha doazón ao Sergas, está a clínica privada da Coruña, Centro Oncolóxico", sinala o PSdeG, que precisan que este traballa "en parte concesionado co sistema público e, en parte, cos seus clientes privados".

Beneficios

O PSdeG explica que esta tecnoloxía foi utilizada pola clínica para dar servizo tanto aos usuarios derivados do sistema público como aos seus propios pacientes pola vía privada. "A Xunta destinou unha tecnoloxía de moito valor a unha clínica privada que obtén beneficio propio dela e que, despois, cobra ao propio Goberno galego pola derivación de pacientes para os que usa esa mesma maquinaria", censura a formación socialista, que cualifica de "surrealista" esta situación.

Comentarios