PSdeG elixirá o candidato a Xunta o 17 de setembro

O proceso de elección do candidato socialista a Xunta da Galiza está en marcha. A dirección da formación fixou o seu calendario de primarias. José Ramón Gómez Besteiro e Gonzalo Caballero apuntan como posíbeis aspirantes.

Formoso
photo_camera Integrantes da Executiva do PSdeG. (Foto: Nós Diario).

O PSdeG vén de fixar para 17 de setembro as primarias internas para a elección do candidato a Presidencia da Xunta da Galiza. O acordo adoptouse esta mañá na Executiva da formación, onde, tamén, se analizaron os resultados dos comicios estatais.

O secretario xeral do PSdeG ,Valentín González Formoso, explicou que se trata do inicio dun “proceso ilusionante que é o da activación da democracia e da soberanía do voto”, onde agardan a participación de arredor de 10.000 militantes.

Formoso destacou o procedemento de designación de candidatos do PSdeG, afirmando que “este é o sistema que a cidadanía valora, non só practicamos e enunciamos a democracia cara fóra, senón que tamén o facemos internamente”.

O responsábel socialista insistiu que “nós non eliximos ao noso candidato ou candidata á Xunta conforme a un dedazo ou nunha reunión da Executiva” e significou que “deixamos que a xente poida decidir”.

Cambio na Galiza

O dirixente do PSdeG indicou que afrontan o proceso de primarias “con ilusión” e cualificouno  como o primeiro paso para “acadar un cambio na Galiza”,  onde “o candidato elixido terá tempo para explicar e desenvolver o seu proxecto”.

O secretario xeral da formación asegurou que o PSdeG ten “un proxecto que pretende confirmar o liderado da esquerda en Galiza segundo os últimos procesos electorais”, sendo o partido que “lidera a esquerda”.

Formoso reclamou  “ese voto útil con respecto absoluto ás aspiracións do resto das formacións políticas” e advertiu que “a formación dun goberno progresista en España está en perigo por un voto que ao final non tivo a utilidade que pretendían”.

O líder socialista concluíu que un cambio de Goberno na Galiza “só é posíbel, matemática, histórica e loxicamente se o PSdeG lidera as forzas de esquerdas na Galiza e a espertar un país que ten dereito a soñar”.

Comentarios