O PSdeG denuncia o "irracional" e "inadmisíbel" recorte da Xunta no servizo de protección a menores

Traballadores e traballadoras deste servizo enviaron un escrito á Fiscalía de Menores criticando a sobrecarga laboral.
A deputada do PSdeG Marina Ortega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do PSdeG Marina Ortega. (Foto: Nós Diario)

A portavoz de Política Social do grupo parlamentario do Partido Socialista da Galiza (PSdeG), Marina Ortega, denunciou esta sexta feira que os recortes da Xunta no servizo de protección de menores resultan “irracionais, inadmisíbeis e inasimilábeis”.

Ortega presentou unha pregunta oral en Comisión Parlamentaria, após o persoal encargado deste servizo remitise un escrito á Fiscalía de Menores criticando a sobrecarga laboral deste servizo, dependente da Consellaría de Política Social.

A responsábel socialista de Política Social alertou das “consecuencias gravísimas” desta situación para uns menores en situación de extrema vulnerabilidade, tanto pola falta de persoal como polo incremento de expedientes.

Segundo explicou Ortega, estas dúas situacións obrigan a priorizar os casos de urxencia, deixando de lado casos de menores que necesitan da atención da administración. Os propios profesionais do servizo, afirmou, “falan de dificultade, obstrución e atraso xeneralizado” no trámite dos expedientes.

Contradicións da Xunta

A deputada do PSdeG salientou as contradicións do Goberno galego. “Non nos vale que a Xunta diga que non hai recursos” porque, sinalou, o propio presidente, Alfonso Rueda, asegurou na sesión de control do Parlamento que si contaban con recursos para sanidade. “Se hai recursos pero non se invisten en sanidade nin nos menores vulnerables, onde se invisten?”, cuestionou.

Ortega lamentou que o Goberno galego continúe a externalizar a xestión dos centros de menores, privatizados na súa maioría, coincidindo cun “aumento exponencial de menores tutelados pola Xunta nos últimos dous anos”.

Sinalou que a xestión do goberno galego situou a Galiza “nos últimos lugares das 17 autonomías no investimento de servizos sociais, tamén en canto á dependencia e discapacidade”.

Neste sentido, acusou a conselleira de Política Social, Fabiola García, de “non dar cabida á demanda” de recursos no servizo. Ortega sentenciou que “estes días mesmo tivemos noticia dunha discapacidade auditiva que valoraron por teléfono”.

Comentarios