O PSdeG denuncia o "incumprimento" das recomendacións do Consello de Contas

"A Xunta está aplicando un plan de 2001, o que supón que 22 anos despois aínda non o teñen adaptado", cuestiona a deputada Begoña Rodríguez.
A deputada socialista Begoña Rodríguez, esta terza feira, no Parlamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada socialista Begoña Rodríguez, esta terza feira, no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

A portavoz de Orzamentos do grupo socialista no Parlamento da Galiza, Begoña Rodríguez, denunciou esta terza feira na Cámara, "máis unha vez", o "incumprimento" das recomendacións do Consello de Contas por parte da Xunta.

"Para a Xunta e para o PP os informes de fiscalización do Consello de Contas son un mero trámite, un trámite incómodo que pretenden que pase sen ningunha repercusión, porque o ente pon en evidencia moitas eivas na xestión e na falla de transparencia da Xunta de forma reiterada ano tras ano, sen que o Goberno galego tome nota e modifique o seu modo de traballar", dixo.

Rodríguez salientou que o PSdeG presentou 36 propostas de resolución "que foron rexeitadas na súa totalidade polo 'rodillo' maioritario do PP" e que recollían, afirmou, "boa parte das recomendacións" de Contas.

Aliás, lamentou que a bancada popular "pida que se dite a norma para adaptar o Plan de contabilidade cando este está aprobado desde 2010 e é o propio Consello de Contas o que ano tras ano insta o Goberno galego a que o aplique". A Xunta, porén, "está aplicando un plan do ano 2001, o que supón que 22 anos despois aínda non o teñen adaptado".

Por outra parte, Begoña Rodríguez cuestionou as "anomalías" no desenvolvemento da comisión parlamentaria do Consello de Contas, xa que o seu documento "tardou oito meses en chegar á comisión e nove en ir ao pleno".

No pleno desta terza feira, precisamente, debátese o ditame e as propostas de resolución aprobadas pola devandita comisión, no que atinxe ao informe fiscalizador do ente regulador correspondente ao ano 2019.

"Con estas prácticas desvirtúase o labor do Consello, o impacto do contido dos informes pasa desapercibido e réstalle a importancia que merece a este órgano estatuario ao que o Parlamento concede medallas, pero non dignifica o seu traballo", precisou Rodríguez, que cualificou isto de "falta de respecto" á entidade.

Comentarios