28-M

PSdeG e BNG, abertos a buscar "fórmulas" para garantir un Goberno "progresista" na Coruña

Inés Rei e Francisco Jorquera emprazaron a agardar ás xuntanzas das formacións políticas a nivel interno para comezar a falar da conformación dun posíbel Goberno na cidade herculina.
Inés Rei, alcaldesa en funcións da cidade da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Inés Rei, alcaldesa en funcións da cidade da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A alcaldesa en funcións da Coruña, a socialista Inés Rei, e o candidato do BNG á Alcaldía e portavoz en funcións desta formación no consistorio coruñés, Francisco Jorquera, mostráronse abertos a buscar "fórmulas" para garantir un goberno "progresista" na cidade.

Así o manifestaron en declaracións aos medios de comunicación, no acto celebrado no Pazo Municipal de María Pita con motivo dos actos conmemorativos da Policía Local.

Rei emprazou a agardar ás reunións das formacións políticas a nivel interno para logo comezar a falar por parte de ambos os grupos, após confirmar que polo momento non hai un protocolo de negociación estabelecido.

Cuestionada en todo caso sobre se haberá unha alcaldesa socialista ­(nestas eleccións o PSdeG obtivo 11 edís e o BNG catro, fronte aos 12 do PP), remitiuse ao respaldo do electorado. "Os cidadáns falaron, apostaron por un goberno progresista, con maioría de esquerdas". "Xa falaremos das fórmulas", engadiu ante a pregunta de se haberá un goberno bipartito.

Posicionamento do BNG

Pola súa banda, Jorquera asegurou que hai que esperar á proclamación definitiva dos resultados e ás reunións dos partidos. Con todo, mostrou a "máxima disposición" para garantir a gobernabilidade.

Sobre o posicionamento do BNG, asegurou que virá definido polos “intereses da cidadanía" e cunha actitude "firme e exixente" por parte do seu partido. "Hai moitos aspectos que hai que corrixir", precisou en referencia ao actual mandato e os "incumprimentos" de asuntos.

En canto a como será a negociación, avanzou que haberá que acordar "cales deben ser as prioridades, os eixos de acción do goberno do próximos catro anos" e tamén "exixir mecanismos que garantan o cumprimento do acordado".

Respecto a se o BNG entrará no Goberno, remitiuse ao exposto durante a campaña electoral. "A vocación do BNG non era entrar en ningún Goberno, é ser Goberno, por iso todas as hipóteses están abertas, dependerá do grao de acordo a fórmula final".

Comentarios