28-M | En directo

Inés Rei repetirá como alcaldesa da Coruña e a Marea perde a representación

A socialista Inés Rei repetirá como rexedora da Coruña e faino con maior forza ao gañar 2 actas, tras pasar dos 9 edís de 2019 aos 11 de 2023 e tras conseguir incrementar a porcentaxe de voto do 30% en 2019 a 31,6%. Precisará do apoio do BNG, que sobe de 2 a 4 edís.

Inés Rei seguirá gobernando A Coruña, mais precisará o apoio do BNG.
photo_camera Inés Rei seguirá gobernando A Coruña, mais precisará o apoio do BNG.

Inés Rei seguirá a ser alcaldesa da Coruña ao conseguir dúas actas máis que en 2019, cando o PSOE lograra 9 actas. Ocupará, así, 11 asentos no salón de plenos tras conseguir o 31,4% do apoio do electorado, fronte ao 30% de 2019.

En declaracións aos medios, Rei cualificou como un "aval" á xestión do seu Goberno os resultados obtidos nas eleccións. "Por vez primeira neste século, A Coruña repite alcaldesa". Visibelmente emocionada, e entre os berros de "alcaldesa", Rei agradeceu ás persoas votantes "o exemplo de participación democrática" e tamén a quen apostou polo PSOE para que a cidade "siga avanzando".

"Fixemos historia", sentenciou Rei, quen asegurou que traballarán para a cidade sexa "líder" e "máis fortes, con dous concelleiros máis".

Tamén sobe o PP, de 9 actas de 2019 ás 12 de 2023, aínda a dous edís de facerse coa maioría absoluta. A respecto da porcentaxe de voto, a candidatura de Miguel Lourenzo pasou do 30,3% de 2019 a 36,5% de 2023.

Duplica o número de representantes o BNG, encabezado por Francisco Jorquera, que en 2019 conseguira 2 actas e que agora pasa a 4. A formación nacionalista, chave para que Inés Rei repita como alcaldesa, ascende ao 13,6%, do 7,5% de 2019.

Estas tres formacións beneficiáronse da caída da Marea Atlántica, formación que en 2015 gobernara a cidade, con Xulio Ferreiro á cabeza. A Marea pasou das 6 actas de 2019 e do 20,2% do apoio a ficar sen representación. Quedou a nada de conseguila, ao ter o 4,88% dos votos.

En 2019 tamén conseguira 1 acta Ciudadanos, cuxa representante pasou ao grupo dos non adscritos e mesmo chegou a facer parte do Executivo de Rei, na área de Deportes. Fixérase, daquela, co 5,79% do electorado.

Fronte ao apuntado por algunhas sondaxes, Por Coruña, a marca electoral coa que concorrían Podemos e IU, co apoio explícito da ministra de Traballo e líder de Sumar, Yolanda Díaz, non conseguiu ningún edil. Presentábase como cabeza de lista José Manuel Sande, quen fora concelleiro de Cultura no Goberno da Marea Atlántica. Ficou co 4,15% dos apoios do electorado.

Comentarios