28-M

Pontón, con boas sensacións, chama toda a xente "rebelde e inconformista" a repetir os resultados de 2020

"É o momento de sumar para parar ese partido de fitipaldis que usan a institución como a súa leira particular, ese servilismo a Madrid cando toca defender Galiza e de parar os pés a un Rueda que non ten autoridade e un Feixoo que é un 'bluf' e que pasou de ser 'o moderado' a ser un imitador cutre de Ayuso", dixo a líder do BNG desde A Coruña, onde apoiou Jorquera.
Ana Pontón arroupou Francisco Jorquera na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón arroupou Francisco Jorquera na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Ao voto "rebelde" e "inconformista" que quere un "cambio" e unha transformación dirixiuse nos últimos compases da campaña electoral a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para apelar a "concentrar" e "sumar" na formación nacionalista todas os apoios que queren "o cambio". Nunha dársena da Mariña coruñesa ateigada até a bandeira 'estreleira' que ondeou, chamou á mobilización e dirixiuse en concreto a aquelas persoas que xa votaron BNG nas galegas de 2020 para repetir a xesta que a situou como segunda forza máis votada na Galiza, a primeira no espectro da esquerda. Pontón afirmou que o BNG está "no mellor momento, é a gran casa común do amor á Galiza" e, ademais, "é hoxe a forza de esperanza para todas as persoas que na Galiza queren cambio".

"O cambio galego está en marcha e o BNG está dipuesto a facer historia e gobernar Galiza, pídovos que sorriades. A onda de cambio de simpatía e esperanza no BNG non para de crecer", proclamou na súa intervención na Coruña, tras percorrer este último venres de campaña as cidades de Santiago de Compostela e Pontevedra.

Pontón repasou esta carreira cara ás urnas na que sentiu "na pel a forza de esperanza para todas as persoas que na Galiza queren cambio". E na Coruña, tivo palabras para os "valores" republicanos, figuras como o primeiro alcalde nacionalista da cidade herculina, Domingos Merino, e ás calidades de "libre, aberta e rebelde" para situar a Francisco Jorquera como "o alcalde que defenderá a cidade alá onde faga falta".

"É o momento de sumar para parar ese partido de fitipaldis que usan a institución como a súa leira particular, ese servilismo a Madrid cando toca defender Galiza e de parar os pés a un Rueda que non ten autoridade e un Feixoo que é un 'bluf' e que pasou de ser 'o moderado' a ser un imitador cutre de Ayuso", proclamou Pontón, quen chamou á cidadanía para "usar o voto para cambiar as cousas".

A líder do Bloque asegurou que o BNG é "garantía" de "recuperar dereitos roubados" como a idade de xubilación e, por iso, o voto "é a ferramenta para derrogar a reforma laboral do PP que este Goberno deixou a medio facer" ou para "frear o boom eólico depredador ou frearlle os pés ás eléctricas".

O candidato do BNG, Francisco Jorquera, chegou a este mitin, que as nubes respectaron sen descargar a tormenta prevista, visibelmente emocionado após a intervención de Ana Pontón, a quen situou como a "esperanza deste país". "Xa ninguén dubida de que a Presidencia da Xunta ten e vai ter nome de muller, Ana Pontón", salientou.

Ademais de debullar medidas do seu programa electoral, Jorquera tivo palabras de homenaxe á eurodeputada Ana Miranda, presente en "primeira fila" e quen lle dedicou unhas "cariñosas" palabras nun vídeo que, recoñeceu, fixéronlle porse "vermello".

A ela, atribuíu o logro da "rexeneración" da ría do Burgo, aínda que a alcaldesa, Inés Reo, quéirase "colgar a medalla", así como tamén a situou como unha das artífices da consecución de que o Pazo de Meirás volva a mans públicas. "Recollemos a testemuña", asegurou, para proclamar que o BNG presentará unha demanda contra a familia Franco para recuperar a Casa de Cornide.

Comentarios