Formoso acusa Rueda de "equivocarse de país" co recurso da Xunta ao imposto ás grandes fortunas

O líder socialista, durante un acto de presentación de candidaturas na comarca de Bergantiños, afeou ao presidente da Xunta que rexeitara ese imposto.

Valentín González Formoso no acto de Coristanco (Foto: PSdeG)
photo_camera Valentín González Formoso no acto de Coristanco (Foto: PSdeG)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, acusou este sábado ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "equivocarse de país" co recurso do Goberno galego ao imposto ás grandes fortunas.

"Equivócase de país, isto non é Andalucía, aquí non hai señoritos andaluces; para buscar unha gran fortuna non hai que ir á feira de abril, senón á feira de Paiosaco", ironizou.

Estas declaracións realizounas durante o acto de presentación das candidaturas da comarca de Bergantiños celebrado en Coristanco.

Formoso fixo un chamamento para rebelarse contra unha decisión que, na súa opinión "rompe co principio de solidariedade" e "deixa de lado aos que menos teñen".

“Contra a historia da Galiza”

Nesta liña, o líder dos socialistas galegos acusou a Rueda de ir "contra a historia da Galiza", caracterizada por "o principio de solidariedade" e onde "nunca ninguén deixou de botar unha man cando alguén o necesitou".

Así, insistiu en que o presidente da Xunta "equivócase ao facer seguidismo de Ayuso e Moreno Bonilla e actuar en favor dos millonarios".

Fronte a isto, reivindicou os proxectos socialistas baseados na "igualdade de oportunidades, xustiza social, promoción do emprego e protección social".

Con todo, alertou que non poden "baixar a garda" porque "diante está un PP que quere volver a unha Galiza en branco e negro de hai 50 anos, onde había que empeñar unha vaca ou un terreo para ir a un especialista".

Por este motivo, deu unha maior importancia ás próximas eleccións municipais, que non ve como "unha carreira electoral para colocar máis bandeiras vermellas ou azuis", senón que son 313 oportunidades para "seguir construíndo país".

Comentarios