PSdeG acusa a PP de defender aos máis ricos

Begoña Rodríguez Rumbo censura a “fiscalidade insolidaria” do Goberno galego, que defende aos máis ricos mentres lles retira a Tarxeta Básica ás familias que máis o necesitan.

A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo, nunha imaxe de arquivo.
photo_camera A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo, nunha imaxe de arquivo.

A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe a “fiscalidade insolidaria” do Goberno galego, preocupado de “protexer a calquera costa aos máis ricos mentres castiga ás familias que teñen menos recursos”.

Recurso do PP

Rodríguez Rumbo presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que retire o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional contra o imposto ás grandes fortunas.

A deputada socialista lamenta o recurso presentado pola Xunta contra un imposto “temporal” deseñado para gravar ás fortunas de máis de 3 millóns de euros durante os exercicios de 2022 e 2023.

A dirixente do PSdeG entende que “esta decisión vai na liña dos beneficios fiscais que vén de aplicar o Goberno galego “para favorecer ás persoas que máis ingresos teñen”, aumentando as bonificacións á cota do imposto sobre o Patrimonio até 50% para os patrimonios de máis de 1 millón de euros.

A voceira socialista advertiu que estas decisións coinciden coa retirada da Tarxeta Básica de axudas para produtos de hixiene, supermercado e farmacia a quen máis o necesita.

Risco de pobreza

Rodríguez Rumbo lembra que “este recurso, unido ao paraugas social despregado polo Goberno de Pedro Sánchez, evitou que 127.000 persoas estiveran en risco de pobreza na Galiza en 2021”.

A deputada do PSdeG criticou que “o incremento das bonificacións ao Patrimonio aprobadas polo Partido Popular supuxo un agasallo de 4.500 euros para 7.700 galegos e galegas que máis teñen”.

A parlamentaria socialista sinala que “aquelas persoas que máis teñen deben contribuír un pouco máis en momentos difíciles para dar cumprimento ao mandato constitucional da progresividade na carga impositiva”.

Comentarios