O PSdeG abre o proceso para a expulsión do xa ex vicepresidente da Deputación de Lugo

Manuel Martínez, alcalde de Becerreá, voltou a votar co PP. Anuncia tamén que nas próximas eleccións municipais liderará unha candidatura independente. 

Darío Campos e Manuel Martínez
photo_camera Manuel Martínez e Darío Campos, noutro momento das súas relacións políticas

A pasada terza feira, Manuel Martínez -naquela altura aínda vicepresidente da Deputación de Lugo- votou co Partido Popular sobre Suplusa, a entidade que xire as residencias de maiores e que el propio preside. 

É unha vella historia. Hai xa tres anos Martínez rachara a disciplina de voto e fóralle aberto un expediente de expulsión. O cisma non chegou a consumarse e o alcalde de Becerreá retornou á disciplina do PSdeG. Até esta terza feira. O seu confronto coa dirección provincial do partido socialista é irreversíbel. Quinta feira, Martínez foi cesado como vicepresidente e a comisión executiva provincial abriu un expediente disciplinario con vistas á súa expulsión. O alcalde de Becerreá dixo onte que non pensa recorrer a decisión dos seus xa ex compañeiros e que a todos os efeitos se desliga dun partido en que militou durante 40 anos.

A dirección galega do PSdeG respalda sen fendas a decisión dos seus órgaos lugueses. "O compañeiro que votou en contra da proposta do grupo socialista sabe cais son os feitos, a comisión executiva provincial de Lugo decidiu a abertura daquel mecanismo e o partido respaldará o procedimento estatutario previsto de acordo ás normas", afirmou esta quinta feira Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.

A expulsión de Martínez deixaría o PSdeG sen maioría no pleno e en teoría ábrese un cenario que podería desembocar nunha nova moción de censura na corporación, se o xa ex vicepresidente e o PP reataren as relacións que levaron no seu día a que a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candía, desprazase da presidencia o socialista Darío Campos. O PSdeG recuperaría a presidencia en outubro de 2015 grazas ao retorno ás súas filas do díscolo Martínez -un político que se caracteriza pola súa intermitencia- e ao ao apoio dos dous deputados do BNG.

Comentarios