Un proceso constituínte (galego) desde abaixo

Amigas e amigos, onde están os discursos rupturistas dos que viñan rachar co réxime? Onde os apelos aos procesos constituíntes? As eleccións son úteis para colocarmos a cada quen no seu sitio, algúns xa se colocan antes de pisar moqueta. É rupturista apelar a Xerardo Estévez en Santiago? Éo tanto como apelar a Maragall en BCN.

Martiño Noriega, Compostela Aberta, municipais 2015, mitin Capitol
photo_camera Martiño Noriega, no mitin da Capital. [Foto: CA]

As autocualificadas como candidaturas de unidade popular -basicamente coligazóns de forzas políticas actuantes na sociedade- apresentáronse en orixe como os abandeirados municipalistas do rupturismo que tería no Estado o proceso Podemos como referente.

Claro que nisto chegou a realpolitik e determinadas retóricas non aguantaron o contraste coa realidade. Un pouco o estilo Errejón: o que mandou para casa a Monedero. Non é só Feijóo quen advoga pola moderación (sinónimo non de templanza, senón de viaxe ao centro, isto é, de dereitización), tamén os estrategas das mareas teñen iso na cabeza, co obxectivo básico de baleirar os celeiros de votos do PSdeG-PSOE.

Nisto chegou a realpolitik e determinadas retóricas non aguantaron o contraste coa realidade

Os apelos de Martiño Noriega ao herdo de Xerardo Estévez (como sabemos, apóstol do rupturismo) son xémeos aos de Ada Colau en Barcelona ao legado de Pasqual Maragall e espellan o propósito final destes movimentos: o desprazamento do PSOE como principal referencia da esquerda morna, movimento especular simétrico ao de Pablo Iglesias cando, no palco estatal, reivindica a memoria da socialdemocracia.

E, porén, un proceso constituínte, social e galego, impulsionado desde abaixo, é hoxe máis necesario do que nunca. O 24M. E tamén o 25M e o 26M e o 27M...

Comentarios