Villoslada anuncia hoxe a candidatura

As primarias do PSdeG serán o 8 de Outubro

Juan Díaz Villoslada anunciará esta quinta feira a súa candidatura ás primarias do PSdeG, poucas horas despois de o partido facer público o seu calendario. A militancia decidirá quen debe asumir a secretaria xeral da formación nunha votación que terá lugar o 8 de outubro. O Congreso Nacional, que ratificará a decisión da afiliación, decorrerá os días 27, 28 e 29 do mesmo mes.

[Imaxe: SG] Pedro Sánchez e Villoslada
photo_camera Villoslada, nun acto con Pedro Sánchez

Había xa un candidato confirmado, Gonzalo Caballero, e esta quinta feira vaise sumar á carreira Juan Díaz Villoslada, parlamentar novel (esta é a súa primeira lexislatura no Hórreo) e ex xerente da Universidade da Coruña, quen contaría co aval político de Pilar Cancela, presidenta da xestora, e dun referente de tanto peso no PSdeG neste momento como Valentín García Formoso, presidente da Deputación da Coruña.

Villoslada convocou esta mesma mañá, ás 12.30, á imprensa para anunciar formalmente a súa precandidatura. A partir de agora, quer el quer Gonzalo Caballero terán de recabar os avais -por volta de 1.200, 10 por cento da militancia. O prazo para os recoller é desde o 7 ao 20 de setembro.

Formalmente, segundo informou o PSdeG a meio dun comunicado, o prazo de apresentación das precandidaturas abre a 4 de setembro e conclúe un día despois.

A incógnita agora radica en saber que fará o actual portavoz do grupo parlamentar, Xoaquín Fernández Leiceaga. De acordo coas fontes consultadas por Sermos, previsibelmente anunciará a súa candidatura nas próximas horas ou días.

 

Comentarios