A presión social forza o PP a apoiar iniciativas do BNG sobre o naval e Freiremar

O partido no goberno apoiou senllas mocións do BNG para exixir carga de traballo nos estaleiros de Navantia e o mantemento da fábrica de transformación de Freiremar en Vigo. Desde o nacionalismo critican esta actitude, que xa mantiveron coas preferentes na anterior lexislatura. 

Foto Freiremar
photo_camera Foto Freiremar

Cando as bucinas d@s afectad@s polo calote das preferentes estouraban nas rúas de todo o país e as plataformas paralizaban a actividade política exixindo a devolución dos seus aforros, o Partido Popular na Galiza votaba en contra da quita na Cámara galega. Poucas horas despois, en Madrid, o mesmo PP votaba a favor deste roubo. 

A organización frontista acadou o apoio unánime da Cámara para exixir carga de traballo en Navantia e o mantemento de Freiremar en Vigo

Máis unha vez, esta terza feira, o grupo maioritario apoiou senllas propostas presentadas polo BNG que demandan carga de traballo para Navantia e o mantemento da fábrica de transformación de Freiremar en Vigo, embora as forzas da oposición só vexan nesta "actitude" un xesto de "boas palabras". 

Un "acordo ficción" para xustificar "a súa lamentábel xestión"

Desde o BNG, AGE e PSdeG lamentan que o partido que apoia o goberno non procure "solucións" ás problemáticas que atinxen estes dous sectores produtivos e mesmo denunciaron algunhas das decisións adoptadas polo executivo de Alberto Núñez Feijóo como permitir que sexa "a policía" a que custodie os camións que están a desmantelar o centro de traballo de Freiremar en Vigo após a aprobación dun Expediente de Regulación de Emprego que deixa "na rúa" o 94% do plantel de traballador@s. 

"Por que o PP ten unha actitude distinta cando os traballadores se manifestan á porta do Parlamento" --como fixeron @s operari@s de Freiremar-- e o goberno se caracteriza "pola inacción?", preguntou Carme Adán na sesión plenaria que decorre esta terza feira no Pazo do Hórreo. Para @s nacionalistas co voto favorábel o Partido Popular só procura "un acordo ficción" para xustificar a súa "lamentábel xestión"  e exixiron un "compromiso real" por parte do executivo galego. 

Comentarios