Preacordo entre o BNG e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez: Que se coñece do mesmo?

A Executiva do BNG reunirase esta sexta feira de forma extraordinaria para analizar o principio de acordo alcanzado para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Estado español.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, conversa co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez (Foto: Alberto di Lolli / POOL).
photo_camera O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, conversa co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez (Foto: Alberto di Lolli / POOL).

A Executiva do BNG reunirase esta sexta feira de forma extraordinaria para analizar o principio de acordo alcanzado entre a formación nacionalista e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Estado español.

O acordo inclúe, segundo ratificaron fontes nacionalistas, novas rebaixas de peaxes para a AP-9 (que agora ten bonificado a viaxe de volta en menos de 24 horas se se usa telepeaxe) e para a AP-53, que une Compostela con Ourense, para o tramo que ten peaxe directa ás persoas usuarias.

As mesmas fontes explicaron que este principio de acordo inclúe estas dúas cuestións consideradas "relevantes" en canto á "axenda galega" que o BNG defendeu implantar en Madrid, despois dunha lexislatura de Goberno de coalición na que o BNG reivindicou a bonificación das peaxes na AP-9 como un logro importante.

A comisión negociadora deste principio de acordo, que se estivo fraguando durante esta semana, estivo formada polo deputado no Congreso, Néstor Rego, a senadora Carme da Silva e o membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela. Agora será analizado pola dirección da forza política para que, se recibe luz verde, se plasme definitivamente nun acordo para o voto afirmativo do BNG.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, incidiu nas últimas semanas en que a súa formación non daría un "cheque en branco" aos socialistas e mesmo varias voces chegaron a suxerir que a formación estaba máis próxima a unha abstención que ao voto afirmativo.

Neste sentido, o Movemento Arredista, unha das organizacións integradas na fronte nacionalista, fixo público a pasada semana un comunicado no que defendeu a postura de "non apoiar" a investidura de Pedro Sánchez debido aos "incumprimentos" do PSOE con respecto ao acordo da lexislatura pasada.

Comentarios