O Movemento Arredista chama o BNG a "non apoiar" a investidura de Pedro Sánchez

"Por dignidade e coherencia, pensamos que non podemos apoiar un novo Goberno do PSOE", aseguran, a través dun comunicado.
Representantes do Movemento Arredista nunha manifestación en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Representantes do Movemento Arredista nunha manifestación en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O Movemento Arredista, organización independentista integrada no BNG, fixo público esta cuarta feira un comunicado no que defende a postura de "non apoiar", por "dignidade e coherencia", a investidura de Pedro Sánchez debido aos "incumprimentos" do PSOE a respecto da maior parte do acordo alcanzado para a lexislatura pasada.

"Por dignidade e coherencia, pensamos que non podemos apoiar un novo Goberno do PSOE", sinala a organización no comunicado, que deixaría a porta aberta á abstención dos nacionalistas galegos no debate de investidura de Sánchez, un posicionamento que se veu suxerindo tamén por parte da dirección advertindo de que o Bloque non dará "un cheque en branco".

Os arredistas explican que o PSOE "incumpriu a maior parte do acordo de investidura asinado en 2020 co BNG". "Isto debe facernos sacar conclusións e non pretender obter resultados diferentes se optamos por actuar agora da mesma forma", sinalan as Arredistas.

Ademais, apuntan que este Goberno dos socialistas con Sumar "defraudou boa parte das expectativas xeradas e incumpriu as súas promesas en relación á recuperación de dereitos recortados en anteriores lexislaturas". E poñen como exemplos a coñecida como 'Lei mordaza' ou a reforma laboral, que non se derrogou por completo, pero si se modificou.

A organización independentista entende que "non só non se cumpriron, senón que houbo retrocesos" e apunta que "o mínimo exixíbel", por unha cuestión de "dignidade", sería o cumprimento do xa acordado. "Con todo, isto vai moito máis alá do que o PSOE está disposto a aceptar", advirten.

No mesmo comunicado, o Movemento Arredista, do que forma parte a deputada no Parlamento galego Noa Presas, tamén sostén que a acción institucional "ten que ser coherente co programa" electoral e coa caracterización que fan do PSOE e do que se defende nas rúas.

"É necesario utilizar as institucións estatais como altofalante das demandas populares, espazo de denuncia do réxime e panca de avance para o noso proxecto soberanista e transformador", engaden, para indicar, a continuación, que "por iso pensamos que, por dignidade, por coherencia e para poder desenvolver unha posición á altura das demandas e das expectativas do noso pobo". Iso si, "evitando deixar ese campo libre á dereita e á extrema dereita", consideran que o Bloque "non debe formar parte da base de apoio deste goberno".

Comentarios