O BNG e o PSOE aclaran que o preacordo non está fechado mais seguen traballando nas cuestións "pendentes de concretar"

A Executiva do BNG reunirase esta sexta feira de forma extraordinaria para analizar as negociacións para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Estado español. Besteiro afirma que "a Galiza gañaría moito e sairía reforzada co principio de acordo dos socialistas cos nacionalistas galegos".
Pedro Sánchez e Néstor Rego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pedro Sánchez e Néstor Rego (Foto: Nós Diario).

A Executiva do BNG prevé reunirse esta sexta feira de forma extraordinaria para analizar a posibilidade de selar un acordo entre a formación nacionalista e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Estado español.

As negociacións inclúen, segundo ratificaron fontes nacionalistas, novas rebaixas de peaxes para a AP-9 (que agora ten bonificado a viaxe de volta en menos de 24 horas se se usa telepeaxe) e para a AP-53, que une Compostela con Ourense, para o tramo que ten peaxe directa ás persoas usuarias.

As mesmas fontes explicaron que se está dialogando sobre estas dúas cuestións consideradas "relevantes" en canto á "axenda galega" que o BNG defendeu implantar en Madrid, despois dunha lexislatura de Goberno de coalición na que o BNG reivindicou a bonificación das peaxes na AP-9 como un logro importante.

A comisión negociadora do BNG, que se estivo fraguando durante esta semana, estivo formada polo deputado no Congreso, Néstor Rego, a senadora Carme da Silva e o membro da Executiva Nacional do BNG, Rubén Cela. Agora, a Executiva nacionalista analizará a posibilidade de plasmar un acordo para o voto afirmativo do BNG que aínda continúa no ar.

O BNG advirte de que continúan as negociacións

Diante das informacións que están a aparecer sobre o fechamento dun principio de acordo entre o BNG e o PSOE, o Bloque Nacionalista Galego vén de afirmar que o acordo de investidura non está fechado co Partido Socialista e que as negociacións seguen en marcha con puntos que aínda están pendentes de concretar. "Seguimos traballando para alcanzar un bo acordo porque, de conseguilo, a Galiza sairía gañando" indicou a formación.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, incidiu nas últimas semanas en que a súa formación non daría un "cheque en branco" aos socialistas e mesmo varias voces chegaron a suxerir que a formación estaba máis próxima a unha abstención que ao voto afirmativo.

Neste sentido, o Movemento Arredista, unha das organizacións integradas na fronte nacionalista, fixo público a pasada semana un comunicado no que defendeu a postura de "non apoiar" a investidura de Pedro Sánchez debido aos "incumprimentos" do PSOE con respecto ao acordo da lexislatura pasada.

Besteiro di que a Galiza "sairía reforzada"

Tras varias semanas de negociacións nas que José Ramón Gómez Besteiro participou activamente coma deputado galego e membro da comisión negociadora para a investidura dun novo Goberno estatal de coalición, o representante do PSdeG afirmou que "a Galiza gañaría moito e sairía reforzada co principio de acordo dos socialistas cos nacionalistas galegos".

"Grazas aos socialistas hoxe os galegos e as galegas temos unha rebaixa de 50% na autopista AP-9 nas viaxes de ida e volta. Fomos o único partido que votou a favor desta medida nos pasados Orzamentos. Mais, tal e como anunciei hai uns días en Santiago, seguimos avanzando cara á súa gratuidade pese as trabas que nos puxo o Partido Popular. O principio de acordo vai precisamente neste sentido: temos que acabar con todas as inxustizas que creou o PP de [José María] Aznar, [Alberto Núñez] Feixoo e [Alfonso] Rueda".

Besteiro engadiu que "neste camiño cara á gratuidade non quixemos deixar fóra a autopista AP-53, que une Santiago e Ourense, para contribuír a desenvolver a Galiza interior, xa que a autovía que conecta Lugo e Santiago remata no 2024”.

“Igual de importante é o plan integral para a modernización da rede ferroviaria da Galiza coa mirada posta na implantación do servizo de proximidade. No capítulo das infraestruturas, o noso compromiso é firme para impulsar o desenvolvemento do Corredor Atlántico, especialmente no eixo Ferrol-Coruña-Lugo", engadiu o socialista.

Mais o deputado galego quixo destacar outro fito: "Imos crear novos xulgados contra a violencia de xénero en Galicia". Todo isto dentro dun marco global que garante a igualdade de trato financeiro entre as autonomías do Estado español, matizou.

Por todo isto, e aínda que quedan detalles por fechar, o futuro candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza afirmou que "estou feliz e agradecido pola oportunidade que me deu o PSOE para pelexar pola miña terra e pór a Galiza no lugar que merece".

Comentarios