Rueda e Besteiro discrepan sobre os fondos europeos e a Lei do litoral

Primeiro encontro institucional entre o presidente da Xunta e o delegado do Goberno español na Galiza
rueda besteiro foto alvaro ballesteros EP
photo_camera (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Presss)

"Excelente ton institucional" e clima de "responsabilidade compartida", así definiron, respectivamente,  Alfonso Rueda e José Ramón Gómez Besteiro o primeiro encontro institucional entre o presidente da Xunta e o delegado do Goberno español na Galiza. Mais esa coincidencia de ambos os dous no carácter institucional da reunión nas apelacións á colaboración entre ambas as Administracións non ocultou as diferenzas entre os Gobernos galego e estatal en certos temas, como os fondos europeos Next Generation, as infraestruturas ou a Lei de ordenación do litoral.

Besteiro, na súa comparecencia após o encontro,  destacou a "oportunidade única" que os fondos implican para "transformar a Galiza" e lamentou a política de "confrontación" que, ao seu xuízo, a Xunta está a manter co Executivo estatal neste tema. Ademais, e após a advertencia do Consello de Contas sobre a xestión dos fondos pola Xunta, publicada por Nós Diario, Besteiro pediu ao presidente "transparencia" e "eficiencia".A respecto da AP-9, limitouse a sinalar que a transferencia estaba a se "tramitar" no Congreso. O delegado do Goberno tamén mostrou a súa disconformidade coa Lei do Litoral que impulsa o Goberno galego pois considera que había outras vías para reclamar as competencias en xestión de litoral sen recorrer a ese paso.

Pola súa parte, Alfonso Rueda convidou a Besteiro a que se sume á posición do PSdeG, que anunciou a semana pasada a través do seu secretario xeral, Valentín González Formoso, que ía apoiar esta norma.

A respecto dos fondos europeos, o presidente galego asegurou que á Xunta "non lle vale" o discurso do Executivo estatal. 

"O que non se pode pretender é que quen se reserva 100% dos Next Generation [referíndose ao Estado] agora diga que non vai a mover ou que os vai mover en función do que fagan outras Administracións".

Comentarios