Eleccións municipais

Paula Prado: "Nós queremos, como a maioría dos cidadáns, que goberne a lista máis votada"

Viceportavoz do PP no Parlamento da Galiza, Paula Prado (Santiago, 1971) ocupa, desde maio de 2022, a Secretaría Xeral do partido gobernante na Xunta da Galiza. Nesta entrevista -que fai parte dunha serie de conversas que partillaremos nas próximas semanas con Antón Gómez-Reino, deputado de Unidas Podemos no Congreso; Alberto Varela, presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía de Arousa (PSOE) e Ana Pontón, xefa da oposición no Parlamento da Galiza e portavoz nacional do BNG- aborda unha campaña electoral municipal que pode condicionar as posibilidades futuras da súa formación tanto en Raxoi como na Moncloa. 
Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Paula Prado, secretaria xeral do PP na Galiza. (Foto: Xan Carballa)

—Coñeceu a política municipal de primeira man, desde 2007 a 2015, e o Goberno na súa cidade natal no convulso período de mandato de Conde Roa, Ángel Currás e Agustín Hernández.
Todos os políticos deberían pasar pola política municipal, porque é unha grande escola da política e para saber traballar máis achegados aos problemas e á xente.

—Son as súas primeiras eleccións como secretaria xeral do PP na Galiza. Até que punto está condicionada a campaña municipal por ser considerada termómetro dos comicios estatais e dos galegos posteriores?
Sempre se di que as locais marcan resultado das estatais e se se gañan é habitual gañar as estatais, e por iso teñen algo de primarias.

—E que van contar, alcaldías ou votos?
Nós imos a por todas e as nosas expectativas son aumentar a porcentaxe de voto e concelleiros. Nesa dinámica, aspiramos a máis alcaldías pero temos o hándicap de que nós precisamos case sempre maioría absoluta para gobernar. E así se dá o paradoxo de que se poida considerar que perdemos cando realmente gañamos. En Ferrol, en 2019, tivemos 12 concelleiros nunha corporación de 25, pero non alcanzamos a alcaldía, perdemos? Non, gañamos realmente. Iso pódese aplicar a outros moitos concellos. O 28 de maio valoraremos porcentaxes, número de votos, de concelleiros e por suposto de alcaldías.

—Onde se ve mellor iso que vostede di é nas grandes cidades galegas, onde o PP non ten apenas capacidade de facer alianzas, máis aínda agora que desapareceu Ciudadanos.
Sacar maiorías absolutas non é fácil e a nós esíxesenos a matrícula de honor.

—Con Vox en comunidades autónomas e nun hipotético futuro Goberno estatal si contemplan acordos.
Con forzas sen presenza na Galiza non hai nada que considerar e nin o valoramos. A nosa alianza é coa cidadanía, e ofrecémoslle política útil e estábel, xusto do que carecen os Gobernos de perdedores que non aproban orzamentos, teñen liortas continuas entre eles e non gobernan. Iso non é resolver problemas da xente.

—A proposta do PP de elección directa do alcalde ou alcaldesa ou que goberne a lista máis votada nunca foi aceptada por ninguén. E vostedes non deixan sempre gobernar a lista máis votada se poden acordar con alguén.
Avogamos por iso porque é o queren os cidadáns. Falei do caso de Ferrol. En Boimorto foi alcalde un señor do BNG cun único concelleiro. Iso non é o que queren os cidadáns. Queremos que se respecte a decisión da cidadanía, e avogamos por mudar a lei electoral nesa materia. Debería discutirse cal sería a mellor fórmula para que iso fose así, con lista maioritaria ou elección directa.

—Baltar, nestas mesmas páxinas, propoñía ese modelo directo para as presidencias das deputacións.
Iso está enriba da mesa e hai máis formación políticas que o comparten.

—Ademais da pincelada xeral sobre estabilidade, que marcas ten a súa oferta municipal?
Temos un programa marco con moitas medidas e dentro del pódense destacar a prestación de servizos máis áxiles, con menos trabas burocráticas. Iso é fundamental, porque vemos concellos nos que para facer unha simple obra hai que esperar até oito meses, como pasa en Santiago; atención rápida en servizos sociais, porque de nada vale formular solucións e despois ir lentísimos na tramitación; moitas propostas en infraestruturas e para facer cidades e vilas atractivas para a instalación de proxectos empresariais que xeren emprego e que os cidadáns non teñan que marchar ante a falta de oportunidades.

—A vivenda parece que se vai converter nun dos eixos de debate principal. Hai competencias de Estado, galegas e singularmente dos concellos.
Levamos anos traballando con este ámbito. Non cunha lei de vivenda que invade competencias, senón propoñendo reducións de impostos para facilitar o acceso á vivenda, dotando solo municipal para construílas (na Galiza fixéronse nos últimos tempos máis de 2.000). Antes de que o Sr. Sánchez falase de milleiros de vivendas, nós xa aprobáramos un plan propio na Galiza.

O que non podemos mercar é a mensaxe do Goberno de España de topar o prezo do aluguer da vivenda, ou que se fale de milleiros de pisos da Sareb a saír ao mercado, que moitas veces son apenas esqueletos que hai que derrubar, ou están ocupadas… ao final na Galiza falouse de miles e resulta que apenas hai 16 dispoñíbeis con licenza de primeira ocupación. A panoplia de cifras a barullo de pisos que fixo Sánchez demostra a súa escasa credibilidade na cuestión.

A Lei de Vivenda proposta invade competencias, xera confusión normativa e favorece a ocupación ilegal, que debe ser combatida. E se os propietarios non teñen seguridade xurídica para pór no mercado inmobiliario as vivendas, dificilmente van aumentar a oferta e baixar os prezos. É unha regra inexorábel da lei da oferta e a demanda.

—Pero xa antes desta lei, e máis aínda coa inflación, os prezos disparáronse e fan imposíbel acceder á vivenda de aluguer nas cidades. Vostedes están contra os topes, pero que ofrecen para moderar e baixar os prezos?
Hai moitas baleiras porque os propietarios teñen medo a que llas ocupen á brava ou que aumenten os inquilinos okupas, que aos dous meses deixan de pagar. O propietario carece de mecanismos xurídicos rápidos para recuperar as súas propiedades. Se se ven os datos das últimas semanas dos portais inmobiliarios, desde que se aprobou a Lei de Vivenda, a oferta caeu en picado. É matemática pura: con menos oferta e máis demanda soben os prezos. Dar seguridade xurídica é fundamental.

—A campaña que comeza en breve vese afectada tamén por situacións do día a día. É bastante grave a que afecta o presidente do PP ourensán, Xosé Manuel Baltar, e a posíbel imputación o vindeiro día 9, por circular a 215 km/h conducindo un coche oficial.
Son asuntos que afectan porque é unha conduta inadecuada, como Baltar admitiu, e xa pediu perdón. Pagará as consecuencias que correspondan, como fixo coa multa. Decidirá a Xustiza e hai que deixala traballar. E a cidadanía valorará a conduta dos representantes públicos, aos que loxicamente debe esixírsenos unha conduta máis exemplar, se cabe, que aos demais.

—Tamén a cidadanía ve que, ás veces, máis que de ámbito local o debate é o correspondente a unhas estatais. É irremediábel, van ir vostedes por aí, coa idea de que son un “plebiscito sobre o sanchismo” como deslizou Núñez Feixoo?

"Moita xente non lle vai dar o voto ao PSOE porque sería referendar as políticas de Sánchez"

A propia cidadanía veo así, e moita xente non lle vai dar o voto ao PSOE porque iso sería referendar as políticas de Pedro Sánchez. Porque o que está a facer non é o que quere a xente e moi singularmente os cidadáns de aquí. Está maltratando continuamente Galiza. Vémolo no corredor atlántico, vémolo en que non nos deixa xestionar o litoral, non nos dota de máis médicos, non nos dá a especialidade de Urxencias, non transfire a AP-9, non arranxa o viaduto da A-6, que é unha saída fundamental para acceder á meseta con mercadorías e pasaxeiros… Nós iso facémolo ver, porque votar PSOE é darlle un balón de osíxeno a Pedro Sánchez.

E o mesmo vale respecto ao Bloque Nacionalista Galego, que está apoiado as políticas de Sánchez en Madrid, aprobándolle os orzamentos que prexudican gravemente Galiza; ou aprobando a Lei do “só si é si”, unha traizón aos dereitos das mulleres, a maior ao movemento feminista por parte da esquerda. Non só votaron a favor desa lei, senón que insisten en non rectificar. E son copartícipes de todas esas políticas como demostran gobernando en moitas cidades e deputacións xuntos.

A xente vai valorar tamén todos estes aspectos nas eleccións do 28 de maio. Como nacionalistas, de boquilla, poderán dicir que son os principais defensores de Galiza, pero os feitos demostran outra cousa.

—Os inquéritos presentan un panorama relativamente estábel tanto nas cidades principais como nas deputacións. 

"Os inquéritos din que subimos en todas as cidades. Somos o único partido que ten esa tendencia"

O que din é que subimos en todas as cidades. Somos o único partido que ten esa tendencia, ningún o fai como o PP, e se o comparamos con 2019, até sete puntos máis. Para nós son tendencias e a única realidade é a do 28 de maio. Teremos que seguir traballando para que nos vexan como alternativa onde non gobernamos e manternos alí onde xa o facemos.

—E cal vai ser o fiel da balanza para vostedes, gobernar máis cidades ou a Deputación de Lugo quizais?
Non renunciamos a nada. Xa veremos o 28 de maio.

Comentarios