O PP xira á dereita: gaña Pablo Casado

A versión actualizada do aznarismo gaña o congreso do Partido Popular. Pablo Casado, deputado nas Cortes, impúxose a Soraya Sáenz de Santamaría, ex vicepresidenta e tamén parlamentaria, cun discurso de dereita dura e que reivindica a figura de José María Aznar. Quen, por certo, non foi convidado ao cónclave popular.
 

Pablo Casado vota nas primarias do PP
photo_camera Pablo Casado, novo presidente do PP, no Congreso do partido. Foto: PP.

Malia que a última hora a situación parecía máis equilibrada, acabou por se vencer a opción de Casado, que xuntou os apoios expresos do catro candidatos -incluída María Dolores de Cospedal- que non pasaron a primeira volta da escolla. 1.701 compromisarios votaron por el fronte a 1.250 que o fixeron por Sáenz de Santamaría.

Na campaña previa á votación deste sábado o xa presidente do Partido Popular atacou frontalmente o dereito ao aborto, insinuou a necesidade de ilegalizar as formacións independentistas, cuestionou o espazo Schengen -despois de que un tribunal alemán se negase a extraditar a Carles Puigdemont polo delito de rebelión-, chamou pola herdanza de Aznar, defendeu “a man dura” en temas migratorios e asegurou que pretende “recuperar” votantes de Vox -organización ultradereitista fundada por un ex deputado popular.

Hoxe, na súa intervención de agradecemento, afirmou que o Goberno de Pedro Sánchez ten “unha axenda de ruptura” e prometeu unha reforma da lei electoral “para non depender de bisagras nacionalistas nin de ningún outro partido que socave o noso proxecto”.

foto PP Galiza congresp

A receita de Pablo Casado para o “regreso” do PP -así o expuxo nada máis gañar o congreso: “O PP volveu”- semella pasar por un terreo discursivo análogo en non poucas cuestións ao de dereitas extremas con éxito en Italia, Francia, Polonia ou Hungría. Polo menos esa foi a posición que deliñou nos días previos á votación deste 21 de xullo.

Mariano Raxoi, o presidente saínte, eludiu pronunciarse en público sobre a súa preferencia. Pero o certo é que Soraya Sáenz de Santamaría incluía na súa lista para o Comité Executivo Nacional (sic) persoas da máxima confianza do ex presidente do Goberno: Pilar Rojo ou Millán Mon. Na de Casado, Diego Calvo -vicepresidente do Parlamento galego e presidente do PP provincial da Coruña- e Alfonso Rueda -vicepresidente da Xunta e presidente do PP provincial de Pontevedra. É dicir, os escoltas de Núñez Feixóo.

O perfil centrista de Feixóo, en cuestión

Porque o congreso do PP tamén serviu para evidenciar a fenda que afasta a Raxoi de Feixóo. E a división practicamente á metade coa que a organización galega dos populares chegou ao cónclave. Por unha banda, as provincias de Ourense, que torcía por Saénz de Santamaría, e Lugo, onde a ex vicepresidenta contaba con importantes votos -por caso, o do portavoz no Senado, José Manuel Barreiro. Por outra, as atlánticas, partidarias do vencedor.

Nas últimas horas, ante a incerteza e a forza numérica dos sorayistas en Ourense e Lugo, Alberto Núñez Feixóo tentou amosar neutralidade. Mais o seu enfrontamento con Sáenz de Santamaría e os pronunciamentos públicos de colaboradores próximos como Alfonso Rueda ou Diego Calvo situábano no bando de Pablo Casado, a opción máis dereitista que acabou elixido sucesor de Mariano Raxoi.

O presunto perfil centrista do presidente da Xunta quedou, unha vez máis, en cuestión.

Nota: imaxe dos compromisarios galegos con Mariano Raxoi no congreso do PP. A foto difundiuna o PP galego.

Nota 2: información actualizada ás 17.00 horas.

Nota 3: na lista de Soraya Sáenz de Santamaría para o Comité Executivo do PP non figuraba Ana Pastor, como erro informou esta noticia. No seu lugar si figuraba outra persoa da máxima confianza de Mariano Raxoi, a ex presidenta do Parlamento galego Pilar Rojo.

Comentarios