O PP rexeita outravolta unha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois

Botaron abaixo a petición de BNG e AGE coa desculpa de que o Parlamento “non ten competencia”. O PSdeG, mais unha vez neste tema, abstívose.

Accidente tren Angrois

Mais unha vez. O PP volveu botar man de 'rodillo' e impediu que saíse adiante a petición de BNG e AGE de crear unha comisión de investigación sobre o sinistro de Angrois, a traxedia ferroviaria do 24 de xullo na que faleceron 79 persoas. Os populares alegan que o Parlamento galego non ten competencia para iso pois a rede ferroviaria depende de Fomento. O PSdeG, abstívose, a mesma xogada que hai uns meses.

E o PP deu esa desculpa mesmo can do no propio articulado do regulamento do Parlamento de Galiza se dispón que a cámara poderá crear unha comisión de investigación sobre calquera tema que entenda que é de interese público. Así se fixo noutras catástrofes, como a da Prestige, cando as competencias eran estatais.

Carta da nai dunha vítima

Para o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, o Parlamento non pode lavarse a cara coas bágoas das vítimas e dos veciños de Angrois. Despois de ler unha conmovedora carta  dunha nai das vítimas no accidente da Angrois de agradecemento a todas aquelas persoas que colaboraron  e de crítica aos que desfilaron e colocaron ante  ás cámaras para “facerse ver”, as vítimas de Angrois, dixo Jorquera  “piden non ser abandonadas”.

Para o deputado, se o Parlamento galego quere comprometerse co “verdadeiro espírito de Angrois debe contribuír a que haxa xustiza” e para isto é necesario investigar e coñecer a verdade.

Pola súa banda, o portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, remitiuse aos autos do xuíz Alaez para explicar a necesidade de esclarecer responsabilidades políticas na traxedia e topou coas burlas nas bancadas da dereita e negativa final na votación. “O xuíz di que hai responsabilidades políticas, pero que el non as pode investigar”, argumentou Beiras, “e o PP afirma que non se pode facer política no Parlamento. Seguen a ser o mesmo de sempre”.

Comentarios