O PP veta que se auditen os 889 millóns de euros en contratos "a dedo" do Sergas

A oposición reclamou información sobre as derivacións á privada.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao Hospital de Valdeorras no mes de setembro de 2022 (Foto: Sergas).
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita ao Hospital de Valdeorras no mes de setembro de 2022 (Foto: Sergas).

O Sergas adxudicou no exercicio 2022 un total de 889 millóns de euros sen concurso nin publicidade, o que se coñece popularmente como "a dedo". Unha adxudicación que afecta oito de cada 10 euros do Servizo Galego de Saúde destinados a contratación. O PP votou onte no Parlamento contra unha iniciativa que demandaba realizar "unha auditoría externa á totalidade dos contratos menores e negociados sen publicidade realizados polo Sergas no ano 2022 ". O portavoz do Partido Popular no debate. José Alberto Pérez Couñago, cualificou a proposta, presentada polo BNG e cunha transacción do PSdeG, como "produto do fanatismo e a mala fe".

Para Pérez Couñago, esta iniciativa só se entende desde a "campaña"para "desprestixiar" a sanidade que achaca a nacionalistas e socialistas. 

O deputado do PP respondía así a Montse Prado (BNG), que fixo mención aos informes do Consello de Contas que fiscalizan a conta xeral do Sergas, nos que, sinála, advirten de que "moitas delas [contratacións] non pasan por un proceso de concorrencia competitiva". A portavoz de Sanidade do BNG defendeu na Cámara galega que esta moción presentada polo nacionalismo  tiña por obxectivo rematar coa práctica de contratación, de forma directa, sen concorrencia, nin publicidade nin igualdade de trato, "e actuar con transparencia na contratación pública". 

Para Julio Torrado, PSdeG, é "innegábel" que hai no Sergas un "uso exaxerado da contratación menor" e lamentou que o PP negue esta realidade. "Non é a primeira vez que se trata este tema nesta Cámara e sempre nos imos de baleiro", afirmou. o deputado socialista.

A Xunta adxudicou 1.800 millóns en 2022 e 2021 sen concurso nin publicidade

Catro de cada dez contratos da Xunta foron en 2022 adxudicados mediante negociados sen publicidade ou ben como contratos menores. O primeiro é un procedemento de contratación pública no que "por unha serie de condicións especiais" permítese omitir o período de publicidade e convidar directamente as empresas  que se considere para estabelecer as condicións de contratación. Os segundos son aqueles que, teñen un valor inferior a 40.000 euros cando sexan contratos de obras, e inferior a 15.000 cando se trate de contratos de subministración ou de servizos. A adxudicación destes contratos menores non se realiza a través de licitación, senón cun expediente e debe de ser só para  procedementos "extraordinarios".

Así pois, ambas as súas son ferramentas que permiten á Administración facer adxudicacións sen concursos abertos, limitando a concorrencia das empresas. E ambas son ferramentas previstas na lei mais que a lexislación pide recorrer a elas non como modo de contratación habitual.

En 2022 a Xunta realizou 45% da súa contratación a través dalgunhas destas vías, o que supuxo a adxudicación de ao redor de 950 millóns de euros. Algo menos da metade dos máis de 2.100 millóns de euros que a Administración galega —os datos tamén inclúen os entres instrumentais e o Sergas, principal responsábel desta factura— licitou durante o ano pasado.

Comentarios