O PP rexeita suprimir o IVE nos produtos do mar

O BNG pide que os populares expliquen a decisión ao sector pesqueiro e marisqueiro.
Carme da Silva foi deputada no Parlamento e é edila en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A senadora Carme da Silva. (Foto: Nós Diario)

O PP rexeitou esta cuarta feirano Senado reclamar ao Goberno do Estado que suprima o IVE nos produtos do mar (peixe, conservas e marisco). Os populares posicionáronse así contra a liña do PP na Galiza, onde en reiteradas ocasións se manifestou a favor de reducir este imposto para este tipo de recursos.

A senadora do BNG, Carme da Silva, explicou que a redución ou supresión do IVE nos produtos do mar “non é algo extravagante nin raro”, xa que países da Unión Europea teñen xa un IVE máis baixo. “Noutros, están excluídos da aplicación deste imposto como o caso de Irlanda, Malta e Reino Unido, e recentemente Portugal que decidiu reducir o IVE a 0% nas especies máis consumidas” afirmou da Silva.

“O PP confórmase con demandar ao Goberno que aplique o IVE superreducido de 4%, dándose cun canto nos dentes” recriminou da Silva sinalando que o PP terá que explicar esta posición na Galiza, sobre todo co sector pesqueiro galego.

Neste sentido, non esqueceu as dificultades que atravesa este sector “que viu incrementado os gastos derivados do aumento dos combustíbeis ou dos insumos e outras materias primas”. Aplicar esta supresión do IVE non só favorecería o sector pesqueiro galego senón que repercutiría de maneira positiva na alimentación do conxunto da cidadanía. “O peixe é un alimento básico nunha dieta sa.

Mais, nos últimos anos, rexistrouse unha caída no seu consumo” sinala. A senadora lembrou a suba do IVE—de 8 a 10%— aplicada polo Goberno español presidido por Mariano Raxoi en 2012. “O Partido Popular chegou tarde á reclamación do sector pesqueiro” aseverou.

A rebaixa do IVE no peixe e nos produtos do mar é, segundo explica, unha demanda histórica do sector pesqueiro galego e que o BNG levou moitas veces ao Parlamento Galego e ás Cortes, con acordos aprobados na Cámara galega a iniciativa do BNG.

Avanzar no autogoberno

Por outra parte e desta vez no Congreso, o portavoz nacionalista nesta Cámara interveu no pleno de comparecencia de Pedro Sánchez para lle lembrar os compromisos adquiridos polo Goberno estatal coa Galiza en materia de investimentos e infraestruturas,  políticas sociais, traspaso de competencias e autogoberno.

Comentarios