Senado

Carme da Silva defenderá no Senado a inclusión das especificidades da Galiza na reforma do sistema de financiamento

En opinión da senadora nacionalista, esta lexislatura será "chave" para reformar o actual sistema de financiamento xa que “Galiza non pode saír prexudicada”.
A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).
photo_camera A senadora do BNG, Carme da Silva (Foto: Nós Diario).

A senadora do BNG, Carme da Silva, fará unha pregunta ao Goberno do Estado na vindeira sesión de control da Cámara Alta, a próxima semana, o día 19 de decembro. No concreto, da Silva quere coñecer a disposición do Goberno estatal a ter en conta os criterios específicos da Galiza, que encarecen os seus servizos públicos, na proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico.

En opinión da senadora nacionalista, esta lexislatura será chave para reformar o actual sistema de financiamento xa que “Galiza non pode saír prexudicada”.

Durante a vindeira sesión de control ao Executivo español, a senadora do BNG realizará unha pregunta para coñecer a disposición do Estado para introducir os criterios específicos da Galiza no novo sistema de financiamento. Na actualidade, explica a senadora nacionalista, Galiza e os concellos galegos son “especial e historicamente discriminados co modelo de financiamento”.

A realidade galega

O modelo de financiamento actual “escapa de realidades como a galega, cun modelo de asentamento en que a poboación rural ten moito peso, e non ten en conta as características propias de cada territorio”. En opinión de da Silva, non se está a garantir o dereito a ter os mesmos servizos, as mesmas infraestruturas e demais.

“É necesario un modelo adaptado que teña en conta os criterios de envellecemento da poboación, de dispersión de poboación, emigración ou cambio climático para percibir os recursos que se precisan para costear os servizos públicos”, defende. Galiza, especifica, está “por debaixo en financiamento, anos de déficit histórico que é de xustiza compensar”.

Como xa sinalara en intervencións anteriores, da Silva defende que o actual sistema de financiamento “é un modelo caduco, obsoleto e inxusto” e entende que esta é unha lexislatura chave para reformalo. Neste sentido, a senadora defenderá “que Galiza non saia prexudicada coa nova reforma do sistema de financiamento” e se teñan en conta as características propias da Galiza.

Comentarios