Parlamento

O PP rexeita que 25% dos orzamentos de Sanidade vaian a Atención Primaria, como recomenda a OMS

A maioría popular rexeitou que se tomase en consideración unha proposición de lei do BNG para modificar a Lei de Saúde da Galiza para que recollese ese compromiso.

Bancada do Partido Popular no Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Bancada do Partido Popular na Cámara galega. (Foto: Parlamento)

O BNG quere que a Lei de Saúde contemple que 25% do orzamento da Sanidade se destine a Atención Primaria, unha demanda que a formación nacionalista defende desde hai tempo, sinalando que é unha reclamación partillada polo propio colectivo profesional e recomendada pola Organización Mundial de Saúde (OMS).

Esta terza feira presentou na Cámara para a súa toma en consideración unha proposición de lei que propoñía modificar a Lei de Saúde de 2008 para  introducir unha única engádega que “blindase” ese compromiso de destinar 25% a Primaria.

A proposta contou co apoio do PSdeG mais o ‘non’ do PP, grupo maioritario na Cámara, tombou a proposición nacionalista. Non sen antes un debate no que a portavoz do BNG, Ana Pontón, defendeu a necesidade dun maior compromiso do Goberno galego cun servizo “vítima” de 14 anos de recortes.

“Anos de recortes e recortes que fan que hoxe haxa lista de espera até para ir ao médico de cabeceira”, denunciou a líder da oposición, que defendeu “blindar por lei” ese 25% para Primaria. Unha porcentaxe superior ao 11,6% que actualmente destina a Xunta, “2,3 puntos por baixo da media estatal”.

A xerente do Sergas

Pontón tamén acusou o Goberno galego de "privatizar" a sanidade, sinalando que "non é casualidade" que "a xerente do Sergas [Estrella López-Pardo] sexa irmá do xerente da sanidade privada; vostedes son o cabalo de troia da sanidade pública".

José Alberto Pazos, do PP, anunciou que a xerente do Sergas pediu comparecer no Parlamento para falar deste caso, dixo que a Primaria "nunca tanto orzamento tivo como este ano" e cargou con dureza contra os nacionalistas, afirmando que "nunca a sanidade privada viviu mellor na Galiza que co bipartito, nunca fixeron tantos cartos!".

Pola súa parte, o portavoz de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, trasladou o seu apoio á proposición do BNG e criticou as políticas dos "Gobernos do PP que nestes anos" implicaron “precariedade do persoal" e "desprestixio da Atención Primaria".

Comentarios