domingo 19.01.2020

O PP rexeita conceder a medalla de ouro de Galiza aos asasinados do 72 en Ferrol porque “é pasado”

O partido maioritario opúxose a conmemorar a Amador Rey e Daniel Niebla argüíndo mesmo que, agás excepcións como a de Castelao, a Medalla de Ouro se concede a persoas ou organizacións vivas.

O PP rexeita conceder a medalla de ouro de Galiza aos asasinados do 72 en Ferrol porque “é pasado”

O deputado Aurelio Núñez xustificou en que “son sucesos do pasado” o rexeitamento do grupo parlamentar do Partido Popular no Hórreo á proposta de AGE de lles conceder a Medalla de Ouro de Galiza a título póstumo a Amador Rey e Daniel Niebla, os dous obreiros da Bazán asasinados pola policía franquista en Ferrol no decurso dunha manifestación o 10 de marzo de 1972.

Durante a súa intervención, Núñez, que asegurou ser bisneto dun condenado a morte por defender a legalidade da II República, argumentou a negativa dos “populares” en que, malia ser “feitos reprobables”, os sucesos “fan parte dun pasado que non debemos nin podemos esquecer, mais que non debe apartarnos do importante: centrarnos en garantir un futuro en paz e democracia”. 
 

"A pasividade cómplice do PP"

O deputado por Bergantiños aludiu posteriormente a cuestións formais para abundar no seu posicionamento. Así, sinalou que a Medalla de Ouro de Galiza é un recoñecemento que “adoita ser concecido a persoas ou institucións vivas ou, ocasionalmente, a título póstumo falecidas recentemente”. Referiu tamén a excepción, a do ano 1984 a Castelao, “en quen consideramos que se encontran representados todos os exiliados, presos e represaliados polo réxime da ditadura franquista”. 

Tanto AGE como o sindicato Comisións Obreiras laiáronse da actitude do Partido Popular. A deputada Chelo Martínez subliñou a “pasividade cómplice do PP coa ditadura fascista” e lembrou que nunca a Xunta concedeu ese recoñecemento a un traballador ou traballadora.

Pola súa banda, o sindicato considera que “a memoria de Amador e Daniel resúltalle incómoda ao PP” porque, sinala, “cando se miran nela como nun espello devólvelles a imaxe das súas políticas”. CCOO apuntou ademais “non entender” o argumento do deputado Aurelio Núñez de ver nesta homenaxe “un acto de rancor”, posto que non se trata diso, senón, precisamente, dun “acto de xustiza e dignidade”.

Desde o ano 2006, cada 10 de marzo conmemórase o Día da Clase Obreira Galega, en memoria de Amador Rey e Daniel Niebla. 

comentarios