O PP responsabiliza unha técnica do ascenso 'a dedo' do home da conselleira de Sanidade

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, o voceiro parlamentar da formación conservadora rexeitou que Rocío Mosquera compareza para explicar o nomeamento do seu marido como xefe de servizo do Hospital Clínico de Santiago e di que quen "debe comparecer" é a directora de recursos humanos.

mosquera_dentro
photo_camera [Imaxe de arquivo de Rocío Mosquera durante unha comparecencia no Parlamento]


O PP responsabiliza a directora de recursos humanos do nomeamento a dedo de Manuel Bustamante, o home da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, como xefe de servizo do Hospital Clínico de Santiago. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza apreciou "desviación de poder" na adxudicación do Sergas e deixou sen efecto o nomeamento.

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, o voceiro parlamentar da formación conservadora, Pedro Puy, negou calquera enchufismo na escolla de Bustamante para o cargo e dixo que "a persoa adecuada" para render contas sobre o proceso polo cal foi escollido non é a responsábel última do Sergas, a propia conselleira Mosquera, senón a directora de recursos humanos. 

A Xunta ou, o que é o mesmo, o PP, solicitou a "comparecencia urxente" da técnica porque, segundo entende Puy, que a consellaría "loxicamente non interviñera" non supón "que non se teñan que dar explicacións". Explicacións que non corresponden á titular de Sanidade porque "cando hai un ascenso en xeral na Administración en que hai un parente a norma marca o deber de inhibición", acrecentou o voceiro d@s conservador@s no Parlamento.

Unha adxudicación ilegal da xefatura de servizos do CHUS

Segundo recolle a sentenza "a falta de motivación é clamorosa" no tocante á valoración do proxecto técnico. Para o xuíz "o baremo" empregado pola comisión de adxudicación é "altamente cuestionábel" porque, sinala, "encerra tres cheques en branco" correspondentes á calidade, contido e adecuación que "abren a porta á arbietrariedade". 

Aliás, o ditame emitido polo TSXG recalca o carácter público da adxudicación o que lle exixe, apunta, á comisión responsábel da adxudicación, "facer un esforzo serio, rigoroso, elocuente e claro" das razóns que avalan a puntuación emitida. En troca, acrecenta, a decisión adoptada "apartouse de pautas obxectivas e eludiu unha motivación clara, explícita e razoada" a respeito do proxecto técnico. Perante este feito, o tribunal exixe a convocatoria dun novo proceso desenvolvido por unha outra comisión. 

Comentarios