18-F

O PP promete "fortalecer" a atención á infancia logo de bonificar 5 veces máis as escolas privadas

Os populares traballan na redacción do seu programa electoral.
Valentín García e Carmen Pomar, nunha xuntanza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín García e Carmen Pomar, nunha xuntanza. (Foto: Nós Diario)

O PP comprometeuse esta quinta feira a garantir unha cobertura total na Galiza de recursos de conciliación gratuítos á infancia de cero a tres anos, para que "todos os Concellos galegos conten cun servizo de atención" ás crianzas. Porén, o partido de Alfonso Rueda non especificou como realizará esta proposta. 

De feito, o vindeiro curso será o terceiro ano no que a Xunta da Galiza mantén a gratuidade para as familias nas escolas infantís de cero a tres anos pero, dependendo de se están xestionadas polo Executivo galego, se son municipais ou privadas, as axudas públicas varían. Así, a Xunta bonificou no curso 23/24 cinco veces máis as escolas privadas que as que dependen directamente dos Concellos. 

O PP informou desta proposta de conciliación nun comunicado no que detalla que o coordinador do programa electoral do partido, Valentín García, así como unha das compoñentes do equipo redactor, Carmen Pomar, e o vicesecretario de Familia, Alberto Pazos, xuntáronse nas últimas semanas con diferentes colectivos sociais coa finalidade de incorporar as súas achegas para facer o documento "o máis aberto, colaborativo e efectivo posíbel" para mostrar "diferentes perspectivas da realidade social". Neste sentido, mantiveron contactos tanto co comité galego de Unicef como coa ONG Igaxes. 

Por outra parte, as responsábeis e os responsábeis da redacción do programa electoral do PP reuníronse nos últimos días con representantes do Secretariado Xitano e do colectivo musulmán na Galiza para escoitar as súas achegas e concretar demandas, algunhas delas nas que os populares, din, "traballan desde hai tempo pero que consideran que deben ser actualizadas".

Comentarios