18-F

O PP denuncia sen probas unha "mafia de mentiras" en redes sociais que vincula a bots rusos e filipinos

Paula Prado demanda un debate electoral baixo as súas propias regras.
A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

A secretaria xeral do PP, Paula Prado, denunciou esta cuarta feira "un entramado de manipulación dixital", unha "mafia das mentiras" a través de "centos de nomes e perfís falsos" en redes sociais que vinculou coa "oposición", xa que apuntou que "o 'botafumeiro' de bulos" estaría "coordinado desde Madrid". Unha "rede de perfís falsos" que vincula a 'bots' radicados en Filipinas, Nicaragua ou Rusia.

Prado asegurou que o PP ten "probas" e estuda "ir á Fiscalía". Estas acusacións sobre desinformación decorren cando se cumpren 296 Venres Negros en que traballadoras e traballadores da CRTVG denuncian manipulación e unha liña informativa ao servizo dos intereses do Goberno galego.

Ademais, o presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP nas eleccións galegas, Alfonso Rueda, mostrouse, tamén esta cuarta feira, aberto a un debate "cara a cara" se os principais partidos políticos que aglutinan a esquerda "e din unirse para que non goberne o PP" concretan "quen vai encabezar esa unión".

Rueda cualificou de "lóxica" a proposta dos populares de organizar un debate na CRTVG cos partidos políticos "que obtiveron representación nas eleccións xerais", en alusión a PSdeG, BNG e Sumar, ademais do PP. Unhas afirmacións que Rueda fixo esta cuarta feira a pesar de que a Xunta Electoral ten sinalado que a presenza dos partidos dependerá dos resultados nas últimas eleccións equivalentes –os comicios galegos de 2020, neste caso–, e non nas que tiveran lugar inmediatamente antes.

Xa sobre un "cara a cara" con Ana Pontón, Rueda remarcou que "se a esquerda di de unirse para que non goberne o PP, o lóxico é preguntarlles quen vai encabezar esa unión para debater comigo".

Comentarios