O PP pide disolver organizacións soberanistas tras filtrarse o seu intento de pacto con Junts

Os populares trataron de negociar a investidura de Feixoo.
Miguel Tellado, esta cuarta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Miguel Tellado, esta cuarta feira. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O portavoz do Partido Popular no Congreso dos Deputados e das Deputadas, Miguel Tellado, anunciou esta cuarta feira que a emenda de totalidade con texto alternativo que o partido de Alberto Núñez Feixoo presentará á lei de amnistía contempla a "disolución" das organizacións que promovan "referendos ilegais" ou "declaren a independencia" dunha parte do territorio estatal. 

Facía Tellado este anuncio logo de que se filtrara o feito de que o PP se reunira con Junts após as eleccións estatais do 23 de xullo para intentar negociar a investidura de Feixoo.

A xuntanza –cualificada por Tellado como "un café entre concelleiros"– non foi oficial, senón informal e a petición do propio PP, para "sondear as intencións de Junts de cara á política de pactos". 

Disolución ou ilegalización?

A iniciativa do PP, que se debaterá no pleno do Congreso español a vindeira semana, alén de querer ilegalizar as formacións independentistas, tamén recolle castigos para as "autoridades, cargos ou funcionariado público que promovan a inobservancia das leis ou o incumprimento das resolucións xudiciais", buscando "prexudicar a unidade" do Estado español.

Así, o PP aposta por tipificar como delito "as declaracións de independencia" e "o referido á violencia" ou ás "consultas ilegais", segundo avanzou Tellado, que explicou que a reforma dos populares persigue crear un novo tipo de "de deslealdade constitucional".

Porén, o dirixente popular rexeitou aclarar se o que se busca coa proposta de promover "a disolución das organizacións ou persoas xurídicas que incorran en calquera destes delitos" é ilegalizar as formacións independentistas, como si defende o partido ultraespañolista Vox. 

Comentarios