BNG, EH Bildu, ERC e Junts boicotean o discurso do rei español no Congreso

Nun comunicado conxunto, forzas nacionalistas rexeitan a monarquía.
Felipe VI durante a súa intervención hoxe no Congreso (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)
photo_camera Felipe VI durante a súa intervención hoxe no Congreso (Foto: E. Parra. POOL / Europa Press)

Nin as forzas catalás, Junts e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), nin o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e EH Bildu acudiron hoxe á inauguración da XV lexislatura no Congreso, na que interveu o rei español, Felipe VI.

As tres últimas organizacións subscribiron amais unha declaración na que critican a monarquía por ser unha “herdanza do franquismo” que en Catalunya, Galiza e Euskadi intentou “impor proxectos e valores antidemocráticos”.

Incompatíbel coa democracia

Estas sociedades “rexeitan maioritariamente” unha institución “incompatíbel cos principios democráticos esenciais” e que “non responde aos valores republicanos de liberdade, igualdade e democracia que tanto os cidadáns dos nosos pobos como as maiorías sociais do Estado anhelan”, subliña o documento conxunto, que incide no seu rexeitamento a aceptar unha monarquía que apenas busca “manterse e impor a unidade de España”, “negando os dereitos civís, políticos e nacionais” da cidadanía catalá, galega e vasca.

Asemade, ao carecer de “lexitimidade”, non consideran Felipe VI un “interlocutor válido”, polo que o instan a renunciar á “tutela” que exerce “sobre a cidadanía e os Gobernos e Parlamentos”.

No seu discurso, Felipe VI reiterou a importancia desde a súa perspectiva de manter unha “España sólida e unida”, e cualificou o Estado como “nación”, nunha lexislatura na que o presidente Pedro Sánchez (PSOE) terá que formalizar o carácter plurinacional do Estado español para cumprir cos acordos coas forzas nacionalistas, que lle permitiron seguir na Presidencia.

Recoñecemento nacional de Catalunya

A raíz do pacto con Junts, o sábado decorrerá a primeira xuntanza entre a forza catalá e o PSOE en Suíza, coa presenza dun relator internacional, para avanzar no recoñecemento nacional de Catalunya.

Comentarios