O BNG reclama que o plan de cobertura da CRTVG amplíe o tempo de información electoral e pide máis debates

A proposta dos medios públicos, apegada aos criterios que defende o PP, contempla unha rebaixa no seguimento da campaña e reduce o tempo a repartir entre os partidos que disporán de segundos nos espazos electorais. 
O debate organizado pola CRTVG non terá minuto inicial. (Foto: CRTVG)
photo_camera O debate organizado pola CRTVG non terá minuto inicial. (Foto: CRTVG)

O BNG reclamou ante a Xunta Electoral que o plan de cobertura da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) para as eleccións autonómicas amplíe o tempo da cobertura informativa durante a campaña e que se contemplen debates nas catro circunscricións electorais.

Ademais, os nacionalistas consideran que o plan do ente público "non cumpre co deber como medio público de garantir o pluralismo político e social".

Baixa o seguimento de campaña

Así, denuncian que se produce unha redución do tempo na información diaria específica da campaña electoral con respecto ao plan de cobertura de 2020, e aínda que recoñece que se garda a proporcionalidade entre as formacións, o BNG apunta que "a redución de 370 segundos a 200 segundos non se xustifica".

Nesta liña, o Bloque expón na súa reclamación que no anterior proceso electoral a formación política En Marea, cun 19,07% tiña 65 segundos de información, mentres que no presente plan, o BNG, cun 23,79%, conta con 52 segundos de cobertura, "sen que haxa xustificación, tratándose dunha redución máis nun plan de cobertura xa precario".

Sen debates locais

Por outra parte, o BNG critica que se contemple "un único debate que se emitirá para toda Galiza na TVG e na Radio Galega", en lugar de "cinco debates entre os representantes das candidaturas, un que se difundía simultaneamente e outros catro que se divulgaban en cada unha das desconexións provinciais".

"A desaparición das desconexións territoriais neste plan de cobertura é un dos factores que máis agudiza o limitado" desta proposta, "xa que nunhas eleccións ao Parlamento da Galiza, onde a circunscrición electoral é a provincial, o ente público debe proporcionar toda a información ao electorado sobre as propostas e candidatos e candidatas que se presentan pola circunscrición que votan", sostén.

Ausencias

O debate electoral convocado pola CRTVG para o 5 de febreiro responde aos criterios defendidos polo PP, interesado en ofrecer unha imaxe de división no espazo da esquerda, co obxectivo de dispersar o voto nese abano ideolóxico e de trasladar á cidadanía a sensación da inviabilidade dunha alternativa aos populares.

A CRTVG convidará ao seu debate o candidato do PP, Alfonso Rueda; a do BNG, Ana Pontón; o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a de Sumar, Marta Lois, e a de Podemos, Isabel Faraldo.

Porén, a cita non contará coa presenza do cabeza do cartel de Vox, Álvaro Díaz-Mella, nin de Democracia Ourensá, Armando Ojea, malia que algunha sondaxe, como a de EM-Analytics para Nós Diario lle outorga representación na Cámara galega.

Comentarios