O PP impide aprobar unha declaración en defensa do pobo palestiniano

O grupo popular rexeitou apoiar os dereitos das persoas refuxiadas o que impediu alcanzar a unanimidade. O texto, presentado por BDS-Galiza foi impulsado con motivo do Al-Nakba.

Manifestación en Palestina polos 65 anos da Al-Nakba

Este ano o Parlamento non aprobará unha declaración institucional en defensa dos dereitos individuais e colectivos do pobo palestiniano. Ao contrario do que aconteceu en 2013 e 2014, o grupo parlamentar do Partido Popular negouse a apoiar o texto presentado por BDS-Galiza. Un documento que mantiña as mesmas exixencias que en anos anteriores. 

E é que o Partido Popular rexeitou que a declaración incorporase os dereitos das persoas refuxiadas a retornar ás súas moradas, un feito que desde BDS-Galiza coidan innegociábel, o que imposibilitou o acordo. 

Cumpre lembrar que a declaración institucional se presenta con motivo da celebración do Al-Nakba, a catástrofe que abateu o pobo palestiniano en 1948 após a creación do Estado de Israel e da ocupación das terras palestinas. O 'éxodo' como así se coñece a data do 15 de maio representa unha importante data no almanaque da resistencia palestiniana, máis aínda das 750 mil persoas persoas que foron expulsas cara á campos de refuxiad@s. 

Nun correo-e o PP aseguraba que apoiarían a declaración "convencidos da relevancia desta iniciativa"

Desde BDS-Galiza lamentan que o Partido Popular impedise a unanimidade após ter manifestado a súa vontade de apoiar máis un ano a declaración. Neste senso, através dun correo electrónico o PP aseguraba que "apoiaremos a súa lectura no Pleno, ao igual que outros anos e cun texto semellante, convencidos da relevancia desta iniciativa".

Para o colectivo a viraxe na posición podería deberse ás "presións da embaixada" israelita no Estado español logo de que o pasado ano o xefe da misión diplomática, Alon Bar, asegurase que o Parlamento galego favorecía a "desaparición de Israel" coa declaración aprobada. 

"Inimigos de Israel"

Bar remitira naquela altura unha carta á presidenta da Cámara, Pilar Rojo, ao portavoz do grupo parlamentar do PP, Pedro Puy, ao daquela voceiro socialista Abel Losada e mesmo a Dolores de Cospedal para lles trasladar a súa "sorpresa" polo contido da declaración aprobada. Aliás, acusaba o grupo popular de situarse acarón dos "máis extremistas inimigos de Israel". 

Desde BDS-Galiza lembran que a situación na que se atopa o pobo palestiniano caracterízase pola "permanente violación do dereito internacional e dos dereitos humanos"

No documento aprobado polo Parlamento de Galiza reclamábase da comunidade internacional que esixise a Israel o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas e o respecto absoluto dos dereitos humanos e colectivos do pobo palestino. A declaración institucional contemplaba tamén o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás casas e terras de que foron expulsas. Asemade amosaba o "máis firme compromiso" da Cámara lexislativa galega "cos dereitos inalienábeis da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade humana". 

Desde BDS-Galiza lembran que a situación na que se atopa o pobo palestiniano após 67 anos da Al-Nakba caracterízase pola "permanente violación do dereito internacional e dos dereitos humanos, agravada pola brutal agresión desatada polo estado de Israel en xullo e agosto do pasado ano, con máis de 2.000 vítimas mortais, 500 delas crianzas, e a destrución total das precarias infraestruturas da Faixa de Gaza". 

Neste senso, e embora lamentaren a falta de acordo, agradeceron publicamente através dun comunicado de imprensa o apoio brindado polas demais forzas políticas con representación parlamentar. 

Comentarios