Parlamento

O PP desvincula a Xunta da sentenza contra Monbus e Alsa que evidencia o "reparto do mercado"

O BNG acusa o Executivo de ocultar información.
O deputado do Partido Popular no Parlamento da Galiza, José Manuel Balseiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do Partido Popular no Parlamento da Galiza, José Manuel Balseiro. (Foto: Nós Diario)

Que cumpra a lei e que "abandone a opacidade e a conivencia coas grandes empresas" do transporte público. Estas foron as peticións que o deputado do BNG Paulo Ríos 'Kai' trasladou esta terza feira no Parlamento galego á Xunta da Galiza. A través da defensa dunha moción –rexeitada co voto en contra do PP–, Ríos reprobou a actitude da conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez, por "mirar para outro lado" no "reparto ilegal" do mercado entre Alsa e Monbus, ao que o nacionalista sumou o "visto e prace da Xunta" e volveu exixir que o Goberno "cumpra a lei".

Paulo Ríos propuxo esta terza desvelar a "incógnita" de quen minte, quen oculta datos e quen ten a responsabilidade ante o "mal funcionamento do transporte por estrada", lembrando que no debate da interpelación do BNG á conselleira na Cámara galega, Vázquez mostrou "o seu nervosismo e enfado", acusando Ríos de "falsear" o acontecido.

A pesar das acusacións cruzadas, as sentenzas emitidas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) son claras: o reparto do mercado do transporte por estrada entre Alsa e Monbus "foi feito por estas dúas empresas, co visto e prace da Xunta da Galiza". Un feito que a Comisión Galega da Competencia non investigou, a pesar de "existir denuncias ao respecto", sinalou Ríos. "Este proceder confirma que a Comisión Galega da Competencia non actuou por orde e decisión da Xunta para esclarecer o que estaba acontecendo co reparto dos lotes do transporte público", afirmou.

"Hai responsabilidade da Xunta no reparto ilegal do mercado entre Alsa e Monbus? Si ou non?", cuestionou o deputado. Con todo, o PP insistiu en que as afirmacións vertidas polo BNG son "mentiras". O portavoz de Infraestruturas do grupo popular, José Manuel Balseiro, criticou que o BNG "insista na súa mentira respecto do sistema de contratación do Plan de transporte público da Xunta, sen presentar proba algunha ao respecto, cando a verdade é que non existe sentenza algunha que cuestione este procedemento e dos corenta contenciosos que se presentaron, todos foron resoltos a favor da Xunta".

"O que non poden facer desde o BNG é intentar dar a entender que a Xunta quere ocultar información ou mesmo que a xestión do Plan de transporte non é transparente, porque toda a documentación está a disposición do público xeral", rematou.

A este respecto, Ríos tamén criticou que a documentación achegada polo Executivo a petición da formación nacionalista foi proporcionada "de maneira desordenada e repetida coa intención de obstaculizar o noso traballo e coa vontade de camuflar parte dos datos".

"Desaxustes" no transporte escolar

Tamén ficou rexeitada unha moción do PSdeG que demandaba á Xunta exixir o cumprimento dos contratos de transporte escolar e pór as sancións pertinentes. A deputada socialista Noelia Otero negou que as rexistradas no que vai de curso sexan "incidencias puntuais", tal e como dixo no pasado pleno o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

Otero mencionou varios problemas denunciados por familias e persoas usuarias, como crianzas que teñen que ir no bus de pé, sen cinto e sen coidador, para insistir en que "non son desaxustes puntuais", como afirmou esta terza a deputada popular Marisol Díaz. Son, engadiu, "problemas que se poden arranxar exixindo que se cumpran os contratos" asinados coas empresas de transporte.

Comentarios