Competencia incoa expediente sancionador contra Monbus e Alsa tras a sentenza do Supremo

Monbus considera "inxusto" o veredicto inicial emitido polo TSXG e avanza que acudirá en amparo ao Tribunal Constitucional.
Vehículo de Monbus (Foto: Nós Diario).
photo_camera Monbus e Alsa concorreron en UTE a varios contratos públicos, un feito que terá que investigar Competencia. (Foto: Nós Diario)

A Comisión Galega da Competencia vén de incoar expediente sancionador contra dúas empresas, Monbus e Alsa, tras o fallo do Tribunal Supremo que inadmitiu os recursos contra a sentenza que previamente determinara a existencia de indicios de repartición de mercado. Son condutas, precisa Competencia nun breve comunicado, "que poderían supor unha infracción da lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia".

Este organismo, dependente da propia Xunta da Galiza —cuxa actuación cuestionou tamén a Xustiza—, actúa así "en cumprimento da sentenza ditada pola Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en data 10 de marzo de 2023, e do Auto ditado pola Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo o 4 de outubro do 2023".

En consecuencia, a subdirección xeral de investigación da Comisión Galega da Competencia acordou incoar un expediente sancionador contra Alsa Grupo, S.L. e Grupo Monbus polas súas condutas no desenvolvemento da licitación pública, efectuada pola Xunta, para a concesión do servizo público de transporte, denominada 'Contrato de concesión do Servizo Público de Transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada (Lotes XG-800 a XG-891), Expediente 1/2020 DXM'.

A incoación dun expediente sancionador, advirte, "non prexulga o resultado final da investigación". Ábrese agora un prazo máximo de 24 meses para a instrución do expediente e a súa resolución polo pleno da mesma Comisión.

Resposta de Monbus

Pola súa parte, Monbus remite ás palabras de Competencia para subliñar que "a incoación dun expediente sancionador non implica que o mesmo finalice coa imposición de sanción algunha, senón que se abre unha fase de instrución —prazo máximo de 24 meses— na que se analizarán novamente as condutas das empresas involucradas".

A este respecto, lembra que "a propia Comisión xa resolveu no seu día na inexistencia de condutas contrarias á competencia". Monbus reitera que "actuou de maneira correcta e axustada á lei en todo momento" e afirma que, na súa defensa, acudirá en amparo ao Tribunal Constitucional por considerar que a resolución do TSXG "é inxusta".

"Tanto Monbus como Alsa xustificaron amplamente ante as autoridades de competencia correspondentes as razóns polas que concorreron xuntas a algúns lotes do contrato de transporte da Galiza, o que continuarán defendendo e acreditando nesta nova fase de investigación", insisten desde a compañía.

Comentarios