O PP de Muras cualifica de "acto ilegal" a presenza dunha bandeira galega nun edificio público cedido a unha ONG

O edificio en cuestión está xestionado por Ecos do Sur, que ofrece solucións habitacionais a persoas migrantes sen recursos. Un dos mozos que alí residen foi quen puxo a bandeira.
O edificio no que o PP denunciou a presenza dunha bandeira nacionalista galega, en Muras. (Foto: Europa Press)
photo_camera O edificio no que o PP denunciou a presenza dunha bandeira nacionalista galega, en Muras. (Foto: Europa Press)

O grupo municipal do PP de Muras, en Lugo, criticou esta cuarta feira a colocación dunha bandeira galega nun edificio público do municipio, a casa de Rouco.

A formación conservadora definiu o acontecido como un "acto ilegal". "Non podemos permitir que nun edificio público pasen estas cousas", dixo a súa portavoz, Eugenia Requeixo. Na mesma liña, falou da "necesidade" de que o alcalde, Manuel Requeixo (BNG), manteña unha "postura neutral".

Fronte a estas declaracións, o rexedor afirmou que se trata dunha estratexia do PP "para facer ruído". Segundo precisou Requeixo, o edificio en cuestión está cedido á ONG Ecos do Sur, que presta axuda a persoas migrantes.

O edificio está cedido a unha ONG que ofrece vivendas a persoas migrantes sen recursos e o PP sabía dese programa, segundo explicou o alcalde

A asociación promove a iniciativa 'Habita rural' para dotar de fogar a persoas estranxeiras sen recursos, e a casa de Rouco funciona como un deses espazos habitacionais.

Así, o alcalde precisou que a bandeira foi colocada por un dos mozos que viven no centro. "Se a quitásemos, iriamos en contra da liberdade de expresión da xente que vive alí", sinalou.

Por outra parte, o líder do BNG en Muras desvelou que o PP ten coñecemento da iniciativa levada a cabo no inmóbel. "Teñen gana de polemizar e sacar as cousas fóra de lugar", concluíu o alcalde.

Comentarios