O PP aproba en solitario os orzamentos para 2026 e non acepta ningunha das 1.000 emendas da oposición

O pleno de aprobación dos orzamentos para 2026 evidenciou tanto as diferenzas políticas entre o Goberno galego e os grupos da oposición como un proceder dos populares nos que se rexeitaron todas as propostas ás contas feitas polo BNG e o PSdeG.
portavoces
Pazos Couñago (PP), Noa Presas (BNG) e Gómez Besteiro (PSdeG), durante o debate no pleno. (Foto: Parlamento da Galiza)

Como era previsíbel, os orzamentos da Xunta da Galiza para 2026 —14.239,7 millóns de euros, un 2,1% máis que as contas deste ano— saíron esta terza feira adiante no Parlamento galego, algo garantido pola maioría absoluta do PP. E, como era tamén previsíbel polo acontecido nos plenos orzamentarios dos anos pasados, este visto e prace ás contas viña acompañado do rexeitamento das emendas da oposición. Á sesión plenaria  chegaron vivas 1.006 emendas parciais aos orzamentos presentadas pola oposición: 575 do BNG e 431 do PSdeG. Propostas sobre vivenda, emprego, servizos sociais, sanidade, industria, igualdade ou sector primario, entre outras cuestións, presentadas para "mellorar", "enriquecer" ou "achegar" —segundo a propia oposición— as contas para 2026. O grupo popular na Cámara galega non aceptou nin unha. De feito, e durante estas semanas de trámite e debate en comisións do proxecto de orzamentos, o PP só aceptou antes de chegar a pleno catro emendas, as catro do PSdeG e as catro carácter técnico e centradas en correccións que tiñan a ver coa linguaxe non sexista.

Así pois, este "confundir maioría absoluta con absolutismo", como definiu Noa Presas (BNG) o proceder do PP na votación dos orzamentos foi unha crítica constante da oposición durante o pleno. “Señorías do PP, aceptar emendas non é un síntoma de debilidade; é un exercicio de responsabilidade política”, asegurou pola súa parte José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do Partido Socialista.

O portavoz do PP na Cámara, Alberto Pazos Couñago, ve a Galiza como "unha illa de estabilidade nun océano de incerteza". Argumentario calcado ao exposto antes de que comezase o pleno polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, reivindicando a "estabilidade" da Galiza para aprobar de forma definitiva os seus orzamentos para 2026 "nestes momentos de incerteza". Unhas contas que para Couñago non van servir simplemente —tal e como é a súa función— para alicerzar as liñas mestras das políticas e actuacións do Goberno galego para o vindeiro ano. Tamén lles atribúe o popular unha función coa vista posta alén do Padornelo: os orzamentos aprobados esta terza feira, asegurou Pazos Couñago, "achégannos un chisco máis a ese momento que milleiros de galegos están esperando que chegue" e que non é outro, desvelou, que a necesidade dunha mudanza no Goberno español que poña Núñez Feixoo na Moncloa.

Para a viceportavoz popular, Paula Prado, que tamén interveu no debate orzamentario, son unhas contas "pensadas co que nos caracteriza, pola previsión, a planificación e o sentidiño".

Noa Presas (BNG): "É un Goberno estancado"

A portavoz do BNG no debate, Noa Presas, xustificou o voto contrario do nacionalismo ás contas da Xunta para 2026 "porque son reflexo dun Goberno estancado que non pensa nas necesidades da xente e que non ten máis ideas que vender Galiza a prezo de saldo". Para Presas, estamos ante uns “orzamentos indiferentes dun Goberno indiferente, impasíbel ante os grandes problemas dos galegas e das galegas e ante os retos da Galiza como país".

Ante as 575 emendas parciais rexeitadas, Presas, que emprazou o Goberno de Rueda a "escoitar para acertar" o que os galegos e as galegas lle están a dicir na rúa en manifestacións como a decorrida este domingo en Compostela contra a celulosa de Altri na Ulloa, afeou que "non só están fechados na súa torre de marfil, é que teñen as persianas baixadas e os tapóns dos oídos postos”, en alusión á bancada popular.  “Quen son os don 'non', señorías do PP?”, preguntou a deputada nacionalista, advertindo de que o articulado dos orzamentos aprobados supón un 'non' ao futuro: “Non á defensa da Galiza, non á blindaxe dos servizos públicos e non ao avance dos dereitos sociais", criticou Noa Presas.

Besteiro: "Saen como entraron"

"Vivenda, dependencia e sanidade. Ese é o triángulo do seu fracaso”. Gómez Besteiro advertiu así das "eivas" duns orzamentos que saen aprobados do Parlamento “igual que entraron, sen melloras, sen correccións, igual de curtos, igual de inxustos”, e sen que o PP escoitase nada do que ocorre “fóra das paredes” da Cámara. 

O portavoz do PSdeG no Parlamento galego retomou o debate criticando que, coas contas para 2026, Alfonso Rueda e seu Goberno non dan resposta ás grandes preocupacións da cidadanía. “Mentres aquí se felicitan, fóra hai máis de 22.600 persoas agardando unha vivenda pública”, sinalou, sobre unha cifra que afirmou que se incrementou en perto de 26% en só un ano para se converter na “máis alta da historia”.

O portavoz de Democracia Ourensá, Armando Oxea, non estivo presente esta terza nin no debate nin na votación das contas.

Os orzamentos aprobados  cos votos en solitario do PP contemplan unha 'rebaixa' en campos como Educación; Economía e Industria; Emprego, Medio Rural, Mar, ou Medio Ambiente, por citar só algúns dos departamentos do Goberno galego que en 2026 van ter un orzamento real inferior ao do presente exercicio.


O rexeitamento da condonación e a "submisión" de Rueda

Durante o debate de esta terza no Parlamento a condonación de 4.010 millóns de euros da débeda pública da Galiza apareceu en varias ocasións, mencionada por BNG e PSdeG e no que un titular de Nós Diario —"Rueda confía en que o Congreso tombe a 'quita' de 4.010 millóns da débeda galega"— exhibiuse desde a tribuna de oradores para denunciar a actitude do PP. Noa Presas considerou “indigno” que o presidente da Xunta, "pola súa submisión aos intereses partidistas de Núñez Feixoo, insista en negarse a negociar a quita dunha débeda" que o PP triplicou nos seus anos de goberno e que nos Orzamentos de 2026 custa máis que toda a Consellería de Política Social. “Isto é vender os galegos e as galegas para defender os intereses partidistas”, sostivo. Pola súa parte, Gómez Besteiro censurou que a Xunta teña que dedicar 10 % do seu orzamento a pagar débeda. “Se a débeda fose unha Consellería, sería a terceira con maior orzamento”, afirmou. Reclamou máis "seriedade, xestión e compromiso co que é noso" e reclamou que a Galiza decida “por si propia” e aproveite a condonación dun terzo da débeda que aprobou o Goberno español —en virtude do pacto de investidura entre PSOE e BNG— e que agora vai se debater no Congreso.

Comentarios