O PP busca autoemendar os orzamentos para fomentar as plantacións de eucalipto

O PP busca emendar os orzamentos da Xunta da Galiza de 2026 para reducir aínda máis as limitacións ao eucalipto na nova "moratoria". O PP quere permitir a propietarios e propietarias replantar até 100% dos seus eucaliptos no canto de 75%, como anunciara Medio Rural. Porén, un erro na tramitación fixo que a emenda quedara fóra de prazo. Onte á noite estudaban de que maneira introducir esta medida nas contas da Xunta. 
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, esta segunda feira no Parlamento da Galiza.  (Foto: Nós Diario)
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, esta segunda feira no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

Esta segunfa feira remataba no Parlamento galego o prazo de presentación de emendas aos orzamentos e o PP quería introducir unha medida que fomentaría o aumento de hectáreas de eucaliptos. O último inventario forestal relativo a 2024 cifra xa en máis de 438.000 as hectáreas de eucaliptais. Hai un mes, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciou que reducía as limitacións da "moratoria" do eucalipto que caduca en decembro. A partir de entón, permitiríase replantar a propietarios até 75% dunha plantación de eucaliptos noutro terreo da súa propiedade "para promover a eliminación dunha parte da masa de eucaliptais". Unha medida que se inclúe na lei de acompañamento dos orzamentos. O PP quería esta segunda feira emendar esta lei para fixar que se poidan replantar até 100% dos eucaliptos. Porén, a emenda quedou fóra de prazo e agora buscan de que maneira poder presentala a trámite. 

O PP rexeita as emendas da oposición

Os orzamentos superaron esta segunda feira o primeiro trámite parlamentario grazas á maioría absoluta do PP. As deputadas e os deputados populares rexeitaron as tres emendas de devolución das contas presentadas polo BNG, o PSdeG e Democracia Ourensá (DO) e nunha votación posterior tamén quedaron rexeitadas cos votos do PP as emendas xerais de nacionalistas e socialistas ás contías de ingresos e gastos orzamentarios. No debate global, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, recoñeceu que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano “non son expansivos” a pesar de cualificalos como “históricos”. Segundo dixo o conselleiro de Facenda “o que hai é unha fase expansiva de crecemento da economía e nestas fases os orzamentos non teñen que medrar, deben facer de estabilizadores da economía”. Cos votos do PP en solitario segue adiante a tramitación dunhas contas que ascenden a 14.240 millóns, 2% máis pero que, tendo en conta o efecto da inflación, fican por baixo dos de 2025, concretamente en 119,7 millóns.

Os tres partidos da oposición no Parlamento galego pediron a devolución das contas presentadas pola Xunta da Galiza. Polo BNG tomou a palabra a deputada Noa Presas que, á vista das contas presentadas pola Xunta para 2026, convidou o Goberno de Alfonso Rueda a “rectificar”. Pediu a Corgos que a Xunta “recapacite e acepte a quita da débeda” e criticou a “calcomanía” dun ano para outro de orzamentos como os destinados a medio rural e política forestal “a pesar de que vimos de padecer a peor vaga de lume da historia da Galiza”.

Presas propuxo á Xunta negociar os orzamentos en base a unha “proposta alternativa para mobilizar máis de 2.000 millóns de euros” cun paquete de máis de “60 medidas de calado para afrontar as urxencias vitais deste país”, en materias como dependencia, sanidade, vivenda ou educación.

 Polo PSdeG foi o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro quen criticou as contas da Xunta e chegou a ofrecer un acordo ao PP para contar co apoio do PSdeG. Besteiro propuxo “cinco cambios” para apoiar os orzamentos da Xunta, nomeadamente “aceptar a condonación da débeda, aumentar en 225 millóns de euros a partida de vivenda, incrementar en 100 millóns as políticas sociais, orzamento para contratar 400 novos profesionais sanitarios en Atención Primaria e un redimensionamento dos fondos de equilibrio territorial”. O conselleiro de Facenda primeiro e os votos posteriores do PP rexeitaron a proposta socialista.

O deputado de DO, Armando Oxea, criticou a “discriminación a Ourense” que “consolidan estes orzamentos”.

Tamén o PP tombou esta segunda feira cos seus votos ás emendas á totalidade da Lei de Medidas Fiscais e Financeiras que acompaña aos orzamentos da Xunta, a coñecida como lei de acompañamento, norma que segundo denunciaron nacionalistas e socialistas “o Goberno galego emprega como porta de atrás para regatear o debido debate social”. A deputada do BNG Olaia Rodil sinalou que a deste ano “modifica 50 leis e 15 decretos dun golpe” e sinalou ademais da “moratoria fake” do eucalipto o feito de que a Xunta vai a modificar “por 11ª vez” a Lei 3/2007 de Incendios da Galiza.

*Esta noticia foi actualizada após coñecer que a emenda que o PP pretendía presentar quedou fóra de prazo e agora buscan de que maneira poder realizar o trámite. 

Comentarios