Os 6 ‘decretazos’ que o PP agocha na Lei de acompañamento dos orzamentos

A coñecida como Lei de acompañamento dos orzamentos viu luz verde cos votos do PP, que deixaron sen efecto a posición contraria de BNG e PSOE. Nesta información, recompilamos as medidas máis polémicas que recolle a normativa.

Fábrica de Ence na ría de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Fábrica de Ence na ría de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

Cada ano, os orzamentos galegos chegan á Cámara da man da Lei de medidas fiscais e administrativas, coñecida como “Lei de acompañamento”. Estes son os aspectos máis controvertidos da normativa, que reforza medio cento de leis e 15 decretos.

  1. Menos protección para o territorio e a paisaxe. Unha das medidas aprobadas implica que a partir da entrada en vigor da lei os parques eólicos e as liñas de evacuación primarán sobre as áreas de especial interese paisaxístico, de maneira que terán un interese superior á protección de espazos naturais como a serra do Suído.
  2. Abre a veda á eucaliptización nun territorio que nos últimos anos viu medrar as plantacións da especie invasora -da que se alimenta a fábrica de celulosa de Ence e da que se alimentaría a macrocelulosa de Altri- malia a moratoria.
  3. Minivivendas de 30 metros cadrados. A lei recolle a figura de aloxamento compartido, que permitirá construír vivendas de 30 metros cadrados cunha praza de aparcadoiro cada cinco vivendas, cando a superficie máxima é, até o momento, de 40 metros cadrados.
  4. As promotora das vivendas de protección autonómica gañan poder. Outra das reformas afecta á Lei de vivenda e implica que o acceso á un inmóbel de protección autonómica en alugueiro dependa da promotora da vivenda fronte á formula do sorteo público que imperaba até o de agora. Descoñécense os criterios cos que se elixirán as persoas usuarias.
  5. Máis competencias impropias para os concellos. Os entes municipais, que carecen do persoal e dos medios axeitados, encargaranse de controlar a maior parte do patrimonio cultural da Galiza. Unha mudanza que foi criticada nun informe do Consello da Cultura Galega.
  6. Máis comisións de servizo. No que respecta ao emprego público e á administración local, as medidas abren a porta a incrementar as comisións de servizo, o que implica unha menor autonomía municipal.
  7. 793 millóns menos para servizos públicos. Coas bonificacións fiscais que recolle a Lei, as arcas públicas deixarán de ingresar 793 millóns de euros que poderían destinarse a mellorar a prestación de servizos públicos.

Comentarios