O PP aproba en solitario a nova Lei de Igualdade, que a oposición critica pola súa "falta de avances"

Nacionalistas e socialistas consideran que se "perde unha oportunidade" de avanzar na igualdade.
Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Sesión plenaria desta terza feira na Cámara galega (Foto: Parlamento da Galiza)

O Partido Popular aprobou esta terza feira en solitario a nova Lei de igualdade de Galiza, un texto que actualiza a normativa aprobada en 2004 e que a oposición, que optou pola abstención, criticou pola súa "falta de avances" e por considerar que queda nunha "simple declaración de intencións".

No pleno da Cámara galega e en vésperas da celebración o próximo 25 de novembro do Día Internacional Contra a Violencia Machista, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou que coa aprobación desta lei finalizan "anos" de "duro traballo e negociacións" cos axentes sociais, persoal experto e partidos para "conseguir un texto á altura das circunstancias".

"Permite actualizar o marco normativo e situar á Galiza á vangarda da igualdade", dixo a conselleira, que sinalou que a súa aprobación vén precedida dun proceso de elaboración "aberto e participativo", marcado por unha "vocación de diálogo" para tratar de conseguir "o maior consenso posíbel", "tamén no ámbito parlamentario".

"Hoxe termina o trámite pero comeza un novo camiño, máis preparado e con máis recursos para afrontar a desigualdade", destacou Elena Rivo, que asegurado que a lei mellorará os dereitos das mulleres, a visibilización da discriminación, fomentará espazos urbanos libres de violencias e acoso, mellorará a formación das mulleres e fomentará o emprego feminino.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade destacou tamén que a nova norma "incide na erradicación das actitudes machistas no ámbito da cultura e o deporte".

“Falta de avances”

No pleno, tanto o BNG como o PSdeG coincidiron ao criticar o texto pola súa falta de "avances" e censuraron que o Partido Popular se limitase a incorporar emendas con "correccións" que "deixan un texto igual de insuficiente que o que entrou no Parlamento".

A primeira en tomar a palabra foi a deputada do PSdeG, Noa Díaz, quen explicou que o seu grupo presentou un total de 234 emendas, das que o PP só aceptou 35. Todas elas, dixo sobre "cuestións mínimas de forma e de linguaxe, sen ningún tipo de contido".

Así mesmo, sostivo que o texto adoece de "falta de implicación real" e de concreción e medidas. "É un compendio de novas intencións mais sen efectividade", asegurou a parlamentaria socialista, que lamentou que o novo texto inclúa "menos obrigacións" que a actual lei en vigor.

Tamén dixo que se trata dun documento "excesivamente marcado polas teses da dereita", que "non supón un novo marco transformador", senón que se limita a "trasladar a realidade actual sen ningún tipo de avance" nin perspectiva. "Unha reedición mal actualizada do texto legal que pretenden substituír", resolveu.

"Insuficiente"

Pola súa parte, a deputada nacionalista Noa Presas considerou que con esta lei a Xunta perde a "oportunidade" de dar unha solución aos problemas cun texto que supón "unha simple declaración de intencións". "20 anos para reformar un marco legal que queda practicamente como estaba", censurou.

A parlamentaria  explicou que o seu grupo presentou un total de 83 emendas co obxectivo de "blindar e ampliar dereitos" con medidas concretas. Con todo, censurou que os populares só aceptaron 17 e transaccionaron nove. Todas elas con "correccións" e "timidísimos avances". "Queda un texto igual de insuficiente que o que entrou no Parlamento", sostivo Noa Presas, que asegurou que o PP considerou "oportuno" traer o texto nas vésperas da celebración do Día Internacional contra a Violencia Machista pero sen "vontade real de dar un salto cualitativo nin de estar á altura da Galiza que vén".

A deputada nacionalista defendeu a abstención na votación da nova lei porque, explicou, nin vai ser eficaz para loitar contra a fenda salarial que “aínda que é ilegal desde hai décadas, é hoxe de máis de 4.000 euros” nin tampouco para combater a homofobia ou que as mulleres lesbianas “non sexan dobremente discriminadas”. Tampouco será unha lei eficaz, agregou para axudar ás mulleres cos traballos máis precarizados, para blindar o dereito ao aborto na sanidade pública ou para evitar que a maternidade supoña o principal elemento de discriminación das mulleres. Un lei, dixo tamén, que nin axudará a corresponsabilidade nin aborda a feminización da pobreza.

A

Comentarios