O BNG oponse á fábrica de Altri, unha "bomba ambiental no corazón da Galiza que non queren en Portugal"

"Non queren instalar unha planta de fibras téxtiles, o que queren é unha planta de celulosa líquida tres veces máis grande que a de Ence en Pontevedra", denuncia Olalla Rodil.
Olalla Rodil, viceportavoz parlamentaria do BNG, esta quinta feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Olalla Rodil, viceportavoz parlamentaria do BNG, esta quinta feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O BNG mostrou esta quinta feira o seu rexeitamento ao proxecto de Altri no municipio  de Palas de Rei (A Ulloa), que ve "unha bomba ambiental no corazón da Galiza". Así o manifestou a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, nunha rolda de prensa decorrida esta quinta feira no Pazo do Hórreo na que denunciou a "gran mentira" que, dixo, agocha o proxecto para crear unha fábrica de produción de fibras téxtiles.

"Estamos ante unha gran mentira que non ten nada que ver co que se anunciou. Non queren instalar unha planta de fibras téxtiles, o que queren é unha planta de celulosa líquida tres veces máis grande que a de Ence en Pontevedra", denunciou Rodil. Neste sentido, avanzou que levarán a cabo unha "ofensiva" en contra da planta da multinacional portuguesa a través da presentación de alegacións ao proxecto e a defensa de iniciativas en concellos, parlamentos e a Eurocámara, ademais de acompañar as mobilizacións sociais.

Segundo Rodil, a análise da documentación presentada por Altri "evidencia" que o proxecto "non ten nada de economía circular nin de feche do ciclo produtivo", senón que constitúe un "exemplo de libro" dunha "industria de enclave" para a xeración de materia prima para a súa explotación noutro lugar a través dunha "fábrica contaminante que non queren en Portugal".

As nacionalistas advirten do "enorme impacto" que tería "para toda a comarca da Ulloa, Melide, a conca do río Ulla e a ría de Arousa" unha planta ideada para un espazo sinalado para a ampliación da área Rede Natura da zona LIC Serra do Careón, unha expansión paralizada desde 2011 polo Partido Popular desde a Xunta da Galiza, salientou.

"O PP debe responder se a paralización da ampliación deste espazo natural se fixo para vender os recursos naturais", remarcou Rodil, que subliñou que a Unión Europea "advirte desde hai anos" á Xunta de que debe aumentarse a superficie natural protexida por figuras como a Rede Natura.

Recursos hídricos

Ademais, a deputada do BNG sentenciou que a planta de Altri constitúe unha "agresión descomunal" aos recursos hídricos da Galiza porque suporá a captación "de 46.000 metros cúbicos de auga ao día", o que equivale a máis do consumo diario de "toda a poboación" da provincia de Lugo.

A iso sumou que "o 80%" dos restos de auga derivados funcionamento da factoría serán verteduras ao río Ulla, que "xa ten uns índices de contaminación moi elevados" e que desemboca na ría de Arousa, onde a produción viuse "moi" reducida nos últimos anos.

Rodil tamén sinalou a actividade agrogandeira e o turismo ligado ao Camiño de Santiago como elementos que se verán prexudicados se leva a cabo unha fábrica que necesitará "1,2 toneladas de eucalipto ao ano", o que redundará na "eucaliptización" do país.

"Estamos ante un proxecto que vai condicionar a política agraria e económica da comarca e que vai hipotecar o futuro da Galiza", incidiu a deputada frontista, que acusou o PP de "traballar para beneficiar as empresas amigas" que, como nos casos de Greenalia ou Navigator, teñen nos seus consellos de administración antigos cargos da Xunta, como a exconselleira Beatriz Mato na enerxética.

Comentarios