luns 20.01.2020

O PP aceita agora deixar o “pucheirazo” fóra das conversas co PSOE sobre a rexeneración

Paso atrás de Rajoy. O PP aceita agora desvincular a reforma eleitoral -o pucheirazo nas municipais- da negociación co PSOE dun pacote de medidas vinculada á rexeneración democrática.

PP e PSOE acordaron esta quinta feira deixar fóra das súas negociacións a reforma eleitoral, petición formulada expresamente polo novo secretario xeral, Pedro Sánchez.

Sánchez dixo días atrás que non ve con maos ollos estudar trocos na lei eleitoral, mais sempre a condición de que iso se faga despois das eleccións municipais.

Significa isto que o PP renuncia a reformar a lei para a tornar menos proporcional e abaratar dese xeito as maiorías absolutas? Difícil é sabelo. No partido todo o mundo di que a decisión final a tomará Rajoy, seguramente ouvido o seu gurú, Pedro Arriola. Rajoy sopesa distintos escenarios. Sabe que ir a unhas xerais co poder municipal diminuído é un handicap, mais tampouco ignora que reformar a lei sen consenso ten tamén un custo político considerábel, alén de producir efeitos de recomposición no campo da esquerda política que a medio prazo poderían pór en serio risco a hexemonía da dereita.

Foro multi-partidario

O que é obxectivo é que as delegacións do PP e do PSOE -secretario de Estado de Relacións coas Cortes, José Luis Ayllón; e os respectivos portavoces parlamentares, Alfonso Alonso e Antonio Hernando- que esta quinta feira negociaron no Congreso tomaron a decisión de afastar o asunto da súa axenda negociadora. Os portavoces da formación conservadora resaltaron que levarán a reforma eleitoral a un foro multi-partidario, isto é, que abrirán consultas con outras forzas políticas, talvez procurando a cumplicidade de CiU.

comentarios