23-X

Pontón ve "posíbel" un grupo con deputados das catro circunscricións

A unhas horas do inicio da campaña, o BNG chama a "non votar por medo" e a "facer posíbel o que din que é imposíbel"

Daniel Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Daniel Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego e Noa Presas. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, asegura que "é posíbel" que o BNG teña grupo propio no Congreso, "coa convicción" de que van "ter representación en todas e cada unha das circunscricións". "Imos a por todas", sentenciou a unhas horas de que comece a campaña das eleccións estatais do 23 de xullo.

Nun acto no parque de Belvís, en Compostela, acompañada dos catro cabezas de lista, Pontón referiuse á macroenquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), coñecida a pasada cuarta e que estima entre dous e tres escanos para o BNG, para apuntar que, do mesmo xeito que "todas as enquisas", valóraa con "moita precaución", aínda que aprecia "o BNG é unha forza política que vai á alza".

"Temos opción de ter esa representación, só depende de que os galegos e galegas o próximo 23 de xullo votemos coa cabeza e o corazón na Galiza, que confiemos nas nosas propias forzas para facernos valer en Madrid", sostén Ana Pontón.

"Empezamos con toda a forza, con toda a ilusión, esta campaña conscientes de que temos unha oportunidade para que a Galiza se faga valer ante o Estado, que poñamos punto final a esa discriminación", deixa claro, en busca de conseguir "ese grupo galego forte". "Facer posíbel o que nos din que é imposíbel", resalta.

Deste xeito, subliña que "a Galiza ten moito en xogo", " facerse respectar en Madrid". "Basta de discriminación, de ser a última carta da baralla", avisa.

Chama a que "non é momento de votar por medo ou polo mal menor", senón a facelo "con esperanza" e "con ilusión", de forma que apela a "votar desde o orgullo de ser galegos". Todo para "pór punto final á discriminación" á Galiza.

E é que advirte de que non van dar "nin un paso atrás" fronte a un PP "ultra" que vai "de ganchete coa extrema dereita, profundamente antigalega". Os nacionalistas traballarán para defender os dereitos das mulleres, así como plantar cara á "censura" da lingua e cultura galegas.

 

Comentarios