O CIS dá unha axustada vitoria ao PP e duplica os votos do BNG, con até tres representantes

A enquisa estima 31,4% dos votos para o PP e 31,2% para o PSOE, mentres Sumar sería terceiro superando en seis puntos a Vox e o BNG medraría até un 1% que lle daría entre 2 e 3 escanos. Pedro Sánchez e Yolanda Díaz quedarían próximos á maioría absoluta.
Estimación de escanos do CIS para as eleccións estatais do 23-X. (Foto:  EPdata)
photo_camera Estimación de escanos do CIS para as eleccións estatais do 23-X. (Foto: EPdata)

A macroenquisa elaborada polo CIS de cara ás eleccións estatais do vindeiro 23 de xullo dá a vitoria ao PP por vez primeira nesta lexislatura. Iso si, cun resultado moi axustado, só dúas décimas superior ao do PSOE: 31,4% en intención de voto para os de Alberto Núñez Feixoo, fronte a 31,2% para a formación liderada polo actual presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

A terceira posición sería para Sumar, a candidatura da vicepresidenta Yolanda Díaz, que subiría até 16,4% dos sufraxios, mentres a extrema dereita de Vox ficaría relegada á cuarta praza, con 10,6%. Entre as forzas nacionalistas salienta o 1% que o CIS estima para o BNG, duplicando así o resultado obtido en 2019.

En Catalunya, ERC consolídase como primeira forza fronte a Junts, con 1,6% para os republicanos e 1,1% para a formación de Carles Puigdemont, e en Euskal Herria a esquerda tamén vencería dentro do espectro soberanista, con EH Bildu recollendo 1,2% dos apoios, por volta do 1% do PNV. Non terían garantida a representación e pugnarían por entrar no Congreso Teruel Existe (0,1%), Coalición Canaria (0,3%) e CUP (0,6%).

PSOE e Sumar, próximos á maioría absoluta

O Partido Popular obtería o maior número de actas, segundo os datos do CIS, de decorrer en xuño —cando se realizaron as enquisas— os comicios, cunha estimación de entre 122 e 140 que, por termo medio valorando os diferentes escenarios posíbeis, reportaríalle 131 escanos. En segunda posición, a non moita distancia, o PSOE, con 115 no peor dos casos e até 135 no mellor, cunha media de 125.

Sumar lograría entrar na Cámara con entre 43 e 50 deputados e deputadas, mellorando en calquera caso os rexistros de Unidas Podemos e Más País en 2019, o que de media serían entre 46 e 47 asentos. Vox quedaría relegado ao cuarto posto e perdería a metade dos 52 escanos que acadara na anterior cita electoral, ficando con arredor de 25, cun mínimo de 21 e un máximo de 29.

Tamén podería formar un grupo parlamentario propio —para iso precísanse cinco actas— Esquerra Republicana, que lograría uns 6 deputados —entre 5 e 7, segundo o CIS—. Máis complicado teríao Junts, que ficaría con entre 3 e 6 actas no Congreso, así como o PNV, que podería perder o seu grupo propio, pois estímanse entre 3 e 5 actas. Si estaría en disposición de logralo EH Bildu, que lograría entre 4 e 7.

A enquisa do CIS demostra, aliás, que o BNG tamén poderá pelexar por ese mesmo obxectivo que se marcou de cara aos comicios, lograr un "grupo galego forte" en Madrid. A Néstor Rego sumaríase a candidata por Pontevedra, Carme da Silva, mentres o de Lugo, Daniel Castro, podería tamén recoller a acta, se ben fica no ar.

Finalmente, entre 0 e 1 representantes obterían Coalición Canaria, Teruel Existe e CUP, formacións con presenza actualmente na Cámara baixa mais que poderían ficar fóra após o 23 de xullo.

Comparativa 2019-2023. (Fonte: Europa Press / CIS)
Comparativa 2019-2023. (Fonte: Europa Press / CIS)

A batalla na Galiza

Esta macroenquisa debulla tamén os datos por circunscricións e presenta unha axustada batalla na Galiza na que a esquerda e o nacionalismo lograrían vencer o PP de Feixoo. Tanto BNG como Sumar terían garantidos os escanos pola Coruña e Pontevedra, e a formación nacionalista podería lograr unha terceira acta en Lugo que lle arrebataría a un PP ao que nesta circunscrición só lle garante unha. As outras dúas serían para o PSOE.

En Ourense, porén, o panorama é ben distinto, pois o CIS outorga un deputado aos socialistas, dous aos populares e deixa o cuarto nunha batalla entre estas dúas formacións. Tamén na Coruña pugnarían os de Feixoo e os de Sánchez polo último escano, con dous garantidos para o PSOE, tres para o PP, un para o BNG e outro para Sumar.

E, por último, en Pontevedra tanto a candidatura impulsada por Yolanda Díaz como a do Bloque lograrían unha representante, mentres tanto o Partido Socialista como o Partido Popular lograrían dúas e pelexarían pola terceira.

Comentarios