23-X

O BNG chama a votar sen medo para que "o bipartito deixe de trolear Galiza"

O Bloque presentou en Compostela a súa candidatura ao Congreso e ao Senado pola Coruña.
CANDIDATURA_BNG_A CORUÑA_EX_23X_SANTIAGO_2X_1
photo_camera Ana Pontón xunto a Néstor Rego, Goretti Sanmartín e Suso de Toro en Compostela.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou a votar o próximo 23 de xullo "coa cabeza e o corazón" para que "o bipartito deixe de trolear Galiza".

Na presentación da candidatura do BNG ao Congreso e ao Senado pola Coruña, onde tamén estiveron o deputado nacional Néstor Rego, o escritor Suso de Toro e a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, Pontón enunciou "o reto de conseguir un grupo galego forte para que Galicia conte".

A voceira nacionalista augurou moitas apelacións ao "voto útil" ante as que chama a votar "sen medo", con ilusión, "para facer respectar Galicia en Madrid, fronte á discriminación do centralismo".

Ana Pontón comprometeuse na loita polos dereitos da Galiza e polos dereitos sociais para se reivindicar como parapeto da "extrema dereita que vai de ganchete coa dereita, que non recoñece nosa propia identidade e que quere até arrebatarnos a lingua na que falamos".

"Nin un paso atrás. Son demasiadas as decisións que nos afectan e que se toman en Madrid. Temos que estar alí", concluíu.

Forza para facer cumprir con Galiza

Néstor Rego expresouse nos mesmos termos e incidiu en que estes son uns comicios "decisivos e determinantes" para Galiza, para impulsar "políticas sociais avanzadas e transformadoras". "Falamos desde a lexitimidade que nos dá cumprir", afirmou.

Ademais de ás iniciativas e emendas presentadas, referiuse ao acordo de investidura "que desbloqueou a axenda galega, con moitos problemas que levaban moito tempo esperando". "Queremos seguir traballando con máis forza. Agora non se trata de arrincar compromisos, senón de ter a forza suficiente para obrigar a cumprilos", apostilou.

O deputado nacionalista animou a recuperar "o déficit histórico" dos gobernos do PP, co horizonte dos mil millóns de euros de investimento anual "que xa lograra o BNG en 2008", así como a conseguir que en Santiago haxa un xulgado de violencia de xénero, que estaba no acordo de investidura e que "o Goberno incumpriu".

Rego tamén declarou que os votos ao BNG serán "claves" para enfrontar as políticas da extrema dereita. "Aí estaremos de forma contundente. O voto ao BNG é o máis útil que pode haber. Recolle o descontento co Goberno pero tamén a dignidade do país e contra o retroceso que defende a dereita e a extrema dereita", aseverou.

"Orgullo de país"

O escritor Suso de Toro destacou "o BNG defende os intereses de Galicia, pero tamén unha axenda social de solidariedade entre pobos e persoas, o feminismo e a natureza, e todo iso desde o noso país", sinalou.

O voto ao BNG "o único voto libre que non obedece á Corte madrileña" e si á "dignidade e orgullo do país".

Pola súa parte, a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, instou a estender o que denominou como 'efecto Santiago' –"crer nas nosas propias forzas"– para non só reforzar a presenza en Congreso e Senado, senón de cara ás eleccións galegas e a "ter unha presidenta da Xunta da Galiza, que será Ana Pontón".

Máis en POLÍTICA
Comentarios