23-X

O BNG pide a cesión "inmediata e gratuíta" de vivendas da Sareb para responder á demanda da veciñanza

Ana Pontón remarcou que "non é decente" que haxa mozos e mozas que non se poden emancipar porque non poden acceder a un alugueiro

Xabier P. Igrexas, Ramón Nicolás, Carme da Silva, Ana Pontón, Brais Ruanova e Nuno Galán. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xabier P. Igrexas, Ramón Nicolás, Carme da Silva, Ana Pontón, Brais Ruanova e Nuno Galán. (Foto: Nós Diario)

O BNG reclamará ao Goberno de España a "transferencia inmediata e gratuíta" das vivendas propiedade da Sareb á Xunta da Galiza, para que sexan postas ao dispor da cidadanía e dar así resposta á gran demanda de vivenda pública.

Así o trasladou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto sobre vivenda organizado en Vigo, no que estivo acompañada pola candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva.

Pontón sinalou que o próximo 23 de xullo, entre outras cousas, a cidadanía están en xogo “as futuras políticas de vivenda”, e subliñou que un dos compromisos do BNG, “se ten un grupo forte no Congreso e pode condicionar ao Executivo”, será impulsar esa cesión gratuíta de vivendas.

Respecto diso, a líder do BNG criticou que o Goberno español, "coa complicidade da Xunta da Galiza", pretende que veciñanza "pague dúas veces" por esas vivendas da Sareb, unhas vivendas que xa foron pagadas "co rescate bancario".

Tras volver lembrar a subida dos prezos dos alugueiros, Ana Pontón remarcou que "non é decente" que haxa mozos e mozas que non se poden emancipar porque non poden acceder a un alugueiro, ou que haxa familias traballadoras que non cheguen a fin de mes por eses pagos de vivenda.

A portavoz nacional do BNG denunciou que, mentres isto está a ocorrer, Administracións como a Xunta "non fan nada". Respecto diso, criticou os "incumprimentos clamorosos" do Goberno galego en materia de vivenda, e acusou a Xunta de dinamitar “as políticas que permitirían o acceso a ese dereito”.

Pola súa banda, Carme da Silva subliñou que "non é asumíbel" para unha sociedade que 90 % dos mozos e mozas menores de 30 anos non poidan permitirse nin sequera un alugueiro, e reclamou verdadeiras "políticas públicas de vivenda" tanto desde a Administración autonómica como desde o Goberno estatal. "Non pode ser que sexa o mercado o que decida quen pode acceder a unha vivenda e quen non", sentenciou.

Comentarios