O BNG "pon Ferrol no mapa": Pontón valora as melloras alcanzadas co acordo de BNG e PSOE

Rebaixas nas peaxes e modernización ferroviaria
Iván Ribas, Ana Pontón e Néstor Rego, esta sexta feira en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Iván Ribas, Ana Pontón e Néstor Rego, esta sexta feira en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

A rebaixa nas peaxes da AP-9, un tren de proximidade coa Coruña, a modernización do FEVE e un xulgado de violencia de xénero. Estas son, entre outros, os "beneficios" que o acordo asinado entre BNG e PSOE para investir Pedro Sánchez traerá a Ferrol. 

Así o confirmou esta sexta feira a portavoz da formación nacionalista, Ana Pontón, que realizou estas declaracións na cidade departamental acompañada do deputado Néstor Rego e do portavoz municipal, Iván Ribas.

Pontón salientou que o acordo "pon Ferrol no mapa" e que a cidade, ao igual que o conxunto do país, "gaña con este acordo".

Neste sentido, salientou os novos descontos nas peaxes da AP-9, que cualificou de fundamentais en Ferrolterra para toda a mobilidade do Eixo Atlántico, unha rebaixa que considerou un paso adiante cara á AP-9 "galega e libre de peaxes que defende o BNG". Da mesma maneira, explicou o "paso decisivo" que logra o acordo para que Ferrol pase de ter un tren do século XIX e suba ao ferrocarril do século XXI" cun servizo ferroviario de proximidade entre Ferrol e A Coruña. 

Pontón cualificou esta mellora de "estratéxica para o futuro da cidade", non só para a mellora das condicións de vida dos ferroláns e das ferrolás, senón tamén para "o seu desenvolvemento económico e a súa posición estratéxica no conxunto do país".

A isto engadiu a incorporación no pacto de investidura da modernización do FEVE para que esta liña teña unhas condicións análogas ás de Asturias e Cantabria e funcione como infraestrutura vertebradora en toda a zona norte da Galiza. 

Por último, Pontón tamén destacou que a cidade contará con máis medios para loitar contra a violencia machista coa creación dun xulgado exclusivo de violencia de xénero.

Comentarios